Crise de fin de semana
Martes, 18 de Novembro, 2008Dixoo o ministro Solbes, aínda que logo se retractou: “Se a recisión serve para limpar a economía, a situación non terá máis importancia”. A frase foi pronunciada cando aínda non se pronunciaba a palabra crise desde o Goberno. Agora a situación mudou e houbo que coller o toro polos cornos e mesmo pelexar por estar nesa reunión de líderes mundiais en Washington para decidir nunha fin de semana como mudar o sistema capitalista construído nos últimos setenta anos. Bueno, se o mundo se fixo en sete días, que non se pode facer de venres a domingo.
A reunión pódenos quedar algo lonxe, aínda que o outro día oín pola rúa a un grupo de mulleres de mediana idade debater sobre a necesidade de que España estivera representada nese foro mundial. O caso é que as decisións que se toman fóra das nosas fronteiras aféctannos cada vez máis. Son moitos os que miran con interese os informativos para saber se desde Bruxelas se decide rebaixar o euríbor ou aqueles que traballan para empresas con sedes nas grandes capitais mundiais e esperan con inquedanza saber se eles se verán afectados polo vindeiro expediente de regulamento de emprego. En Vigo, por exemplo, xa son moitas familias as que se preparan para pasar o disgusto de ter que ir á cola do Inem logo do anuncio de Citroën de presdincir da quenda de noite. O parón na cadea de montaxe tamén afectará ás empresas auxiliares que traballan para a multinacional francesa e mesmo ós negocios da primeira cidade de Galicia.
Na provincia de Lugo, a marea negra da recesión está chegando a pingas como o facían ás praias da Mariña hai xa seis anos aquelas bolas do chapapote do Prestige. Logo do esperado parón no sector inmobiliario, estalle a tocar o turno ós comerciantes e autónomos, mentres que as grandes empresas están á expectativa de ver como evolucionan as vendas dos seus produtos. Entrementres, agroman situacións inquedantes como a ocorrida esta semana en Vilalba, onde varias empresas de transportes tiveron que reparar pinchazos en media ducia de vehículos, mentres outros dous chóferes viron como uns tolos tentaron queimar os camións nos que estaban a durmir, nun incidente que pode estar relacionado coa guerra de tarifas que volve a estar de actualidade precisamente pola crise.
Limpeza non sabemos se traerá esta recesión pero o seguro é que fará derrochar imaxinación e traballo duro a todos aqueles emprendedores que se decidan a iniciar aventuras empresariais ou a aqueles patróns que teñan que redeseñar o seu negocio para evitar o peche. Pola súa banda, o traballador xa sabe o que lle queda, aguantar o chaparrón como se poida e esperar a tempos mellores. Son as cousas do capitalismo que eses vinte grandes queren mudar agora en dous días.