Posts etiquetados ‘Folga de fame’

Apátrida

Mércores, 9 de Decembro, 2009

Nun país no que nos permitimos o luxo de empalmar tres días non laborais para celebrar os 31 anos da Carta Magna que nos compromete coa democracia ou os dereitos humanos, a algunha autoridade competente, ou máis ben o contrario, ocórreselle obrigar a entrar a España en contra da súa vontade a unha activista saharauí expulsada por Marrocos. Pero se o primeiro erro é de vulto, os seguintes acontecementos demostran de novo a falta de cintura do Goberno en política exterior, que foi aproveitada pola oposición de esquerdas e de dereitas para alimentar un conflito que seguro vai derivar nun deses ciclos de desencontro entre Madrid e Rabat. Pero no medio da tensión o máis preocupante é que corre perigo a vida Aminetu Haidar, en folga de fame desde que o 15 de novembro chegase como apátrida ao aeroporto de Lanzarote. E é que esta muller vai camiño de converterse en mártir non por esixir a autodeterminación do Sahara, senón só por suplicar que se lle devolva á súa casa, coa súa familia. A recente historia deste país ten como protagonistas a centos de miles Aminetu Haidar, que deambularon como apátridas por medio mundo. Só por eles tamén tería sentido presionar máis a quen por desgraza non teñen unha Constitución da que enorgullecerse