Posts etiquetados ‘Fape’

Enquisas

Mércores, 15 de Decembro, 2010
Reconfórtame ler que na última enquisa da Fape sobre a situación da prensa en España a maioría dos entrevistados admitan que non lles importaría ter un fillo xornalista. E iso que segundo outro estudo do CIS somos, xunto cos militares ou os avogados, os profesionais peor valorados polos cidadáns. E reconforta porque resulta cada vez máis difícil facer entender á audiencia que o profesional é un mero transmisor das inquietudes, anhelos e desgrazas dos demais, incapaz de abstraerse á realidade que lle rodea como para ser completamente obxectivo, unha condición que se nos supón sen advertir que é a sociedade a que pide cada vez máis información e opinión á carta. Alguén me preguntaba fai días por que non había medios de comunicación completamente independentes. E eu respondíalle, pois porque nunha sociedade desenvolvida non son necesarios, xa que de entre a avalancha de noticias que recibimos por diferentes canles debemos de ser capaces de seleccionar aquilo que nos resultará máis enriquedor. Por iso, como lectores ou espectadores críticos, o que temos é que reclamar a verdade, pero non só datos obxectivos e descafeinados.
Iso si, a min o que non me importaría que fose o meu fillo é controlador de Aena.