Posts etiquetados ‘euroescépticos’

Europeos

Mércores, 3 de Xuño, 2009

Europa chama ás portas dos seus cidadáns para que as urnas apuntalen a feble cimentación que sostén unha UE que está a amosar a súa escasa capacidade de maniobra en tempos de crise como os que corren. As enquisas son unánimes á hora de augurar unha baixa participación e se lles preguntan aos electores se cren que a Unión Europea beneficia a España mesmo amosan desapego hacia ese europeísmo do que se gababan hai anos.

No caso de Galicia arestora vívese unha situación de desencanto sobre todo no rural, que ve como ese proceso de modernización baseado na redibilidade do sector gandeiro se desmorona mentres Bruxelas mira cara outro lado. Queda como gratificación a promesa de ter fondos europeos ata o 2013, para reinvestilos nese cemento que nos achegou por autovía a Europa e que agora prevé levarnos en tren a Madrid en menos de tres horas.

O que non podemos negar é que o que se decide en Estrasburgo e Bruxelas si que nos afecta aos 375 millóns de cidadáns que integramos os 27 estados membros. O problema é que cando esas decisións se topan coa oposición dos gobernos poderosos case sempre caen en saco roto. E cada vez que  iso ocorre o euroescepticismo non fai máis que medrar. Daquela que a ninguén lle estranen o domingo uns resultados cunha alta abstención.