Posts etiquetados ‘estatuto catalán’

Non me ralles

Venres, 2 de Xullo, 2010

Millóns de traballadores españois -máis de catro xa o fixeron antes forzosamente- iniciaron unhas vacacións que este ano ben poderían ter o lema que popularizaron eses adolescentes fartos dos consellos dos seus pais carcas: «Non me ralles máis». Primeiro porque seguro que xa están ata a pucha de que lles recorden que estamos en crise, que hai que atarse o cinto, baixarse os soldos se se está na nómina da administración ou deixar para outro ano calquera compra que deixe a cero a conta de aforro. Segundo porque tampouco lles interesa saber se o Estado corre o risco de romper por un estatuto de autonomía catalán que o Constitucional tardou catro anos en corrixir, en todo un alarde de parsimonia xudicial. E terceiro porque xa non lles sorprende nada das tramas de corrupción que se adoitan tecer ao redor dos partidos que gobernan e que veñen demostrar que a democracia é un sistema tan agradecido que permite manter nos seus escanos aos que meteron a man no caixón.
Como moito, durante os días de asueto, os españois permiten que se lles «ralle» coas posibles fichaxes do seu equipo de fútbol ou sobre a última conquista do famoso/a de turno. E en setembro, xa falaremos.