Son rebelde
Mércores, 17 de Marzo, 2010“Eu son rebelde porque o mundo fíxome así”, cantaba Jeanette nos anos 70, un éxito que quere reeditar a presidenta de Madrid, a inefable Esperanza Aguirre, que chama á poboación á resistencia fronte á subida do IVE. Porque logo da campaña posta en marcha polo PP madrileño para frear a medida anticrisis do Goberno de ZP, o Congreso tivo que ratificar onte cos votos de PSOE, PNV e CC o alza en dous puntos do tipo impositivo xeral do 16 ao 18%, e do tipo reducido do 7 ao 8% a partir do 1 de xullo.
Aínda así, é previsible que Aguirre non esgote os seus esforzos e como anunciou no seu día promoverá campañas de recollida de firmas, charlas informativas sobre a súa repercusión na economía ou a mobilización dos seus cargos públicos. Ao comando rebelde xa se sumaron outros compañeiros de partido e o propio presidente Feijóo anunciou onte no seu discurso do debate da autonomía que a Xunta renuncia a adaptar o imposto de transmisións patrimoniais á subida do IVE.
A insubmisión fiscal proposta polo PP recórdame a un curioso movemento galego chamado Obxeta Peseta que nos noventa animaba a non pagar a porcentaxe de IRPF destinado a armamento. A protesta non callou e a de Espe leva o mesmo camiño.