Posts etiquetados ‘erros’

Latrocinio

Mércores, 5 de Novembro, 2014

Non tería por que estranarnos que a corrupción estea tan enquistada nun país onde as empresas enerxéticas ou telefónicas tratan de enganar a diario aos seus clientes nas facturas mentres miran cara outro lado eses gobernantes que saben que calquera día poden acabar nun consello de administración desas compañías.

Unha organización de consumidores acaba de denunciar un alarmarte incremento das reclamacións relacionadas con erros na facturación eléctrica, nalgúns casos con subas de ata 3.000 euros que, en caso de non ser aboadas, supoñen o inmediato corte do subministro. Piden ao Ministerio de Industria reformas legais para evitar estes supostos erros, que mesmo afectan á propia administración. De feito, entidades como o Concello de Lugo vense obrigadas a revisar polo miúdo as facturas, porque todos os meses atopan desfases.

Un Estado preocupado polas súas institucións e os seus cidadáns non permitiría estas prácticas abusivas das empresas que ofrecen servizos básicos e o lóxico sería que fosen sancionadas aquelas compañías onde os erros na facturación fosen habituais, porque eses céntimos ou euros que lles van rabuñando aos clientes convírtense a final de ano nun volume de beneficio millonario. Se cadra o correctivo contra estas empresas terá que chegar desde Bruxelas, porque de momento nin o Goberno central nin os autonómicos están polo labor de acabar con este latrocinio.