As contas
Martes, 29 de Setembro, 2009Nótase tristura nas últimas comparecencias das vicepresidentas do Goberno logo dos consellos de ministros. Se cadra é lóxico, pois anunciar unha suba dos impostos non é prato de bo gusto, pois supón recoñecer que as cousas non van ben e tamén que o feito ata agora por atallar a crise non funcionou. Claro que Elena Salgado tampouco é a alegría da horta e igual era mellor que fosen a xovial Bibiana Aído ou o cordial Miguel Ángel Moratinos os encargados de explicarlles aos españois que van ten que amarrar o cinto.
O caso é que se Zapatero consegue os apoios necesarios no Congreso, as contas de 2010 poden chegar a cadrar grazas a eliminar o caramelo electoral dos 400 euros, a incrementar o imposto ás rendas de capital e a subir o IVE ata o 18% por cento, equiparándoo ao de países europeos con economías máis fortes ca española. O Goberno pensa recadar case 11.000 millóns de euros e paliar así a sangría no herario público que está a causar a destrución de emprego e caída do consumo.
No PP xa iniciaron a batalla contra este proxecto de lei, que consideran un fracaso, malia que de momento non presentaron alternativas para evitar o colapso da Administración que suporía prorrogar os actuais Orzamentos do Estado. O problema é que como a maquinaria enferruxida non se poña a andar antes de metade do ano 2010 nin unha suba de impostos vai poder evitar que España se vexa diante un panorama que os economistas máis agoreiros comparan co ‘crack’ do 29.
Entrementes, a cara da ministra tampouco da moito alento e xenera dúbidas. Como dicía a sonatina de Rubén Darío, a ministra Elena está triste… Que terá a ministra? Pois, seguramente, que non lle saen as contas.