Posts etiquetados ‘Eleccions’
Poderán?
Mércores, 28 de Maio, 2014Esta columna debería ir dedicada á opción política con maior seguemento nas últimas eleccións, e non falo do partido de Rajoy, senón da silenciosa maioría que decidiu non achegarse ao seu colexio por preguiza, desinterese, fartura ou, simplemente, porque non lle cadrou. Pero como seguramente os que non foron votar tampouco se pararían a ler opinións sobre política, cáseque mellor falar da opción que irromeiu no panorama cunha forza que só se pode atribuir ao intento dos seus promotores de non atarse a ningún lobby de poder e que aproveitou o marasmo das redes sociales para explicar dun xeito sinxelo e claro que se está a facer mal e como se pode cambiar ese vergoñento dato do Ine de que o 27% da poboación española está en risco de pobreza.
Podemos e a súa imaxe visible Pablo Iglesias están a administrar nestes primeiros días o seu éxito electoral con entrevistas nos medios de comunicación, malia que poden estar seguros os seus descoñecidos integrantes de que á volta da esquina se van a atopar cun zafarrancho de combate desas castes políticas, como eles as definen, que non van permitir que a súa sonora irrupción en escea se traduza nun crecemento capaz de convertilos en alternativa de goberno. Hai moitos intereses en xogo, bancarios, empresariais, mediáticos… e por moito ruído que fagan vai ser difícil un cambio nas políticas económicas e sociais que marcan o FMI, Wall Street, Merkel… ¿Ou non?
‘Benpagaos’
Mércores, 22 de Xaneiro, 2014Levamos ano e pico sen nada que meter na urna e nuns meses os españois, igual co resto de europeos, seremos convocados a elixir a 751 privilexiados, 54 deles compatriotas, dos que nada volveremos saber unha vez finalice o reconto de votos, pero que se embolsarán durante cada un dos cinco anos de lexislatura un soldo medio de 84.000 euros, unha obscenidad máis da política.
Nos próximos meses oiremos a algúns partidos falar da necesidade de repensar a Unión Europea para que sexa máis social, a outros sobre a importancia de seguir unidos para competir cos mercados emerxentes e, aos máis inxenuos, desa suposta identidade europea que se desmonta cada vez que os países que mandan de verdade toman decisións que os débiles non poden nin cuestionar.
Certo é que España recibiu cantidades inxentes de axudas desde que en 1986 entraramos na Comunidade Europea, tras deixar aos pés dos cabalos a sectores como o pesquero ou o agrario, pero o euroescepticismo non parou de medrar nos últimos anos logo de ver como moitas desas subvencións acababan en mans de grandes constructoras, distribuidoras ou terratenentes, mentres se mantiña o desequilibrio entre uns e outros cidadáns, ata dentro do mesmo país. Se cadra pode que sexa posible outra Europa, aínda que dubido que os ‘benpagaos’ que enviaremos a Estrasburgo no la vaian crear.
Beiras
Mércores, 17 de Outubro, 2012Aos seus 76 anos e cando todo o mundo daba por amortizada a súa contribución á revitalización do nacionalismo galego de esquerdas, Beiras converteuse no protagonista da campaña. E non só por declaracións saídas de ton como as escoitadas no abarrotado salón do actos do IES Lucus Augusti da capital luguesa, nas que aseguraba que a política sanitaria de Feijóo “está matando máis xente ca ningún grupo terrorista do Estado español”, senón porque parece dar un envorco ás enquisas, rabuñando votos entre PSOE e BNG, e mobilizando esa masa indignada que desde hai meses pide na rúa un cambio nas políticas.
O furacán Beiras que conseguira colocar ao BNG como segunda forza galega durante o fraguismo, aínda que logo renunciou a participar no primeiro Goberno galego con presenza do seu partido, ameaza agora o establishment da política galega axudado dunha EU que podería aproveitarse do efecto sorpresa para asentarse nun escenario no que sempre tivo un papel máis ben marxinal. A estas alturas, nada está claro nesta convocatoria electoral, aínda que o que parece case seguro é que na próxima lexislatura, o Parlamento galego recuperará con Beiras o debate apaixonado e o esplendor diálectico que tivo con Vázquez Portomeñe, Barreiro Rivas, Cortizo ou Guerreiro. Que se preparen os oradores.
O debate dos soldos
Mércores, 5 de Setembro, 2012A proximidade dos comicios autonómicos volve facer aflorar a polémica sobre os soldos dos gobernos e os populares lucenses acusan agora ao executivo da Deputación de gastar en retribucións tanto como o gabinete de Feijóo. O cálculo fano contando a nómina de asesores, o que lle serve ao PSOE para recordar que só no equipo de Presidencia da Xunta hai máis de 55 traballadores de libre designación.
O debate, que seguramente non terá moito percorrido tendo en conta que todos os partidos usan os gobernos para colocar aos seus, o único que lle serve ao cidadán é para comprobar que nestes días de confección de listas electorais a maioría dos políticos e asesores xóganse todo a unha carta e, ata os que teñen praza de funcionario asegurada en caso de quedar fóra, saben que o recorte salarial pódelles saír por un pico. E quizá por esta razón a caza do voto vai estar máis rifada ca nunca.
O ‘dummy’
Xoves, 8 de Setembro, 2011Dicían os que só se atrevían a criticar ao ditador con cuestións que non irritan tanto como para mandar ao ousado ao paredón, que a ‘Paco Medallas’ enganchábanlle os salmóns ao anzol baixo a auga cando se achegaba a pescar ao río Eo. E con esa lenda urbana acuñouse a frase «así llelos poñían a Franco», que nos vén a conta para describir a ponte de prata que os socialistas e, máis en concreto Zapatero, estanlle tendendo a un Mariano Rajoy a quen, tras verse noqueado en dous duelos anteriores, o sorriso nervioso de quen se ve xa presidente delátao agora nas súas comparecencias públicas. Ademais, fronte a el e a súa camada de ministrables, Rubalcaba parece un ‘dummy’ -un deses bonecos que se usan para probar os coches- preparado para darse a hostia pai xusto na data na que se recorda que aquel afortunado pescador colgou a cana.
E non é que se poña en dúbida a capacidade de xestión ou a versatilidade de quen chegou a ser ministro con dous dos cinco presidentes da nosa democracia, pois seguramente estamos ante un dos políticos máis hábiles e preclaros dos últimos anos. O problema é que a estas alturas do partido a prima de risco do PSOE está disparada e ofrece menos garantías que o ticket de compra dun bazar chinés. E só por iso, cando un imaxina que quedan por diante máis de dous meses ata a cita electoral, dan ganas de, como ocorre no rugby, pedirlle ao árbitro que pite o final e lle dea a vitoria ao PP por superioridade manifesta.
O que se oe
Xoves, 19 de Maio, 2011Quítanse e póñense alcaldes ao mesmo ritmo que días antes se substituían adestradores ou se fichaban ‘cracks’, nunha especie de poxa propia dunha web de apostas.
É o efecto de ter as cidades invadidas de cartelería con amables caras de candidatos e eslóganes máis ou menos acertados. Os políticos viven os seus quince días de gloria e por iso están máis que nunca en boca do cidadán, aínda que pasada a resaca electoral, a política volverá á súa contorna natural: salóns de plenos, hemiciclos… e xulgados.
Alternancia
Mércores, 27 de Abril, 2011Eu son dos que pensa que unha vitoria sempre é máis saborosa cando chega logo dunha amarga derrota, así que do mesmo xeito que ocorre co deporte, a política ten os seus tempos e só hai que saber esperar un golpe de fortuna ou un erro do contrario para tomar a dianteira. E iso é precisamente o que as enquisas lle auguran ao PP de Mariano Rajoy desde que a tenaza da crise comezou a asfixiar ás economías domésticas deste país. O problema é que a alternancia non é unha ciencia exacta e a estas alturas de mandato e tras a renuncia de Zapatero a verse pateado por propios e estraños, tampouco está tan diáfano o camiño para o candidato Rajoy, a quen unha recente sondaxe o volve a atrasar ata posicións moi próximas a ese PSOE sen aparente líder. A forza de caer en tópicos, parece que haberá partido ata o último minuto, e ese tamén é outro fertilizante da democracia, a incerteza.
Autoaxuda
Mércores, 10 de Xuño, 2009Que Rodríguez Zapatero necesita un libro de autoaxuda xa o saben ata os que insisten en que hai brotes verdes na economía. Logo dun ano do trunfo nas urnas, unhas eleccións descafeinadas e sen tensión cidadá acaban de poñer casi catro puntos por diante ao partido de Mariano Rajoy, donde hai quen se atreve a recomendarlle que presente unha moción de censura no Congreso.
Claro que Rajoy debería ter en conta o halo de sorte que sempre rodeu a ZP, que ben podería chegar a afrontar un terceiro mandato en plena fase de recuperación.
Iso si, agora o panorama é tan desacougador que mesmo dá a impresión de que nin os populares se amosan exultantes co trunfo electoral. Se cadra porque desta vez tampouco vai influir na composición do Europarlamento que haxa dous ou tres deputados máis populares ca socialistas. E se cadra porque tamén, logo da euforia desatada polos cambios de goberno en Galicia e Euskadi, no PP decatáronse que a situación é máis complicada do que se pensaba e hai moito traballo por facer.
Non sei se Zapatero ten agora máis clara a folla de ruta que o pasado sábado, pero de momento semella que podería aparcar proxectos polémicos como a nova lei do aborto e darlle para adiante a outros como a reforma laboral. Eso si, a reacción debe ser urxente, as campás tocan a rebato.
Europeos
Mércores, 3 de Xuño, 2009Europa chama ás portas dos seus cidadáns para que as urnas apuntalen a feble cimentación que sostén unha UE que está a amosar a súa escasa capacidade de maniobra en tempos de crise como os que corren. As enquisas son unánimes á hora de augurar unha baixa participación e se lles preguntan aos electores se cren que a Unión Europea beneficia a España mesmo amosan desapego hacia ese europeísmo do que se gababan hai anos.
No caso de Galicia arestora vívese unha situación de desencanto sobre todo no rural, que ve como ese proceso de modernización baseado na redibilidade do sector gandeiro se desmorona mentres Bruxelas mira cara outro lado. Queda como gratificación a promesa de ter fondos europeos ata o 2013, para reinvestilos nese cemento que nos achegou por autovía a Europa e que agora prevé levarnos en tren a Madrid en menos de tres horas.
O que non podemos negar é que o que se decide en Estrasburgo e Bruxelas si que nos afecta aos 375 millóns de cidadáns que integramos os 27 estados membros. O problema é que cando esas decisións se topan coa oposición dos gobernos poderosos case sempre caen en saco roto. E cada vez que iso ocorre o euroescepticismo non fai máis que medrar. Daquela que a ninguén lle estranen o domingo uns resultados cunha alta abstención.