Posts etiquetados ‘Egin’

Egunkaria

Xoves, 15 de Abril, 2010

Fai vinte anos visitei en Hernani a redacción de Egin xunto a compañeiros de facultade e unha profesora, que tamén era xornalista dese medio de comunicación portavoz da esquerda abertzale e que Baltasar Garzón clausurou en 1998. Para o xuíz da Audiencia Nacional, o diario era un instrumento de Eta, aínda que o que alí había era un grupo de xornalistas que trataban de informar en liberdade nun país condicionado polo terrorismo e por unha división social que ninguén logrou aínda solucionar. O peche do xornal tampouco serviu de nada e ese maxistrado cuxa forma de proceder en varios casos pódelle levar á inhabilitación tivo que rectificar anos despois deixando en suspenso unha orde que deixou na rúa a 200 traballadores. Pero por se fose pouco este ataque á liberdade de prensa, anos despois outro xuíz ordenaba clausurar o diario Egunkaria e imputaba a cinco dos seus directivos por pertenza a banda armada. Agora a Audiencia Nacional rectifica sete anos despois e, co dano xa feito, a sentenza admite que os xuíces non poden actuar de forma tan radical cara a unha actividade imprescindible nunha sociedade democrática. Porque o caso é que as únicas persoas capacitadas para pechar un diario deberían de ser os seus lectores, ao deixar de compralo ou miralo.