Posts etiquetados ‘efecto 2000’

O século do medo

Mércores, 7 de Marzo, 2012

Aínda que non o imaxinabamos a finais dos noventa, estamos a vivir un inicio de século caracterizado pola cultura do medo. O efecto 2000 foi só un avance do que nos esperaba co paso dos anos, pero aquel engano co que os xigantes da informática lograron disparar os seus beneficios e, de paso, advertir da súa capacidade para amedrentarnos foi unha falcatruada comparado co pánico global inflixido por Bin Laden e os seus secuaces a unha cidadanía que se viu exposta ao crime indiscriminado.

Superada en parte a alarma terrorista, infundíusenos pavor con pandemias supostamente incontrolables, con desastres naturais impredicibles ou cos efectos para a saúde das novas tecnoloxías ou os alimentos manipulados. Pero nos últimos anos os encargados de atenazarnos son os mercados, unha entelequia integrada polos grandes capitais que sempre dirixiron os nosos destinos, pero que aproveitaron o momento de incerteza para facerse co control da máquina do pánico.

Agora aos nosos medos convencionais, como a enfermidade, a morte, a violencia ou a inseguridade, unimos outros como a inestabilidade laboral, a perda de propiedades ou a volatilidade dos aforros, polo que, de seguir esta escalada alarmista, case vai ser mellor que se cumpra a profecía maia e descansemos todos en paz.