Posts etiquetados ‘ébola’

A crise

Mércores, 22 de Outubro, 2014

No país das contradicións que é España, onde malia ser deporte nacional o chupeteo vai á quebra unha fábrica de piruletas, unha muller á que algúns atrevidos deron por morta logrou superar unha enfermidade tan descoñecida como o ébola grazas á sanidade pública que o Goberno quere privatizar.

Malia que aínda tardarán días en darlle a alta a Teresa Romero, seguro que tardará menos tempo en apuntarse o tanto da curación esa ministra de Sanidade que durante unhas semanas axudou a desatar o pánico entre a poboación, coa axuda do xornalismo máis tendencioso.

Non é esta a primeira nin será a última das crises sanitarias que vai vivir un país que sae flote porque semella inmergullable, pero en canto se consiga superar esta —e coido que así será porque xa está o ianqui niso—, o primeiro que habería que prantexarse é a existencia dun ministerio que, logo do traspaso de competencias sanitarias ás autonomías, non é capaz de asumir a única tarefa intrasferible, a coordinación en situacións de emerxencia.

Ana Mato acusou hai uns días á oposición de facer política na fase crítica do contaxio de ébola de Teresa Romero. Agora que sabemos que a enfermidade pode ser tan mortífera é ao mesmo tempo tan superable como unha gripe, sería logo o momento de facer política coa xestión dun problema levado sen xeito desde o principio e pedirlle á ministra que, por favor, marche para a casa.

Teresa Romero, coa primeira vítima do caos sanitario