O ‘dummy’
Xoves, 8 de Setembro, 2011Dicían os que só se atrevían a criticar ao ditador con cuestións que non irritan tanto como para mandar ao ousado ao paredón, que a ‘Paco Medallas’ enganchábanlle os salmóns ao anzol baixo a auga cando se achegaba a pescar ao río Eo. E con esa lenda urbana acuñouse a frase «así llelos poñían a Franco», que nos vén a conta para describir a ponte de prata que os socialistas e, máis en concreto Zapatero, estanlle tendendo a un Mariano Rajoy a quen, tras verse noqueado en dous duelos anteriores, o sorriso nervioso de quen se ve xa presidente delátao agora nas súas comparecencias públicas. Ademais, fronte a el e a súa camada de ministrables, Rubalcaba parece un ‘dummy’ -un deses bonecos que se usan para probar os coches- preparado para darse a hostia pai xusto na data na que se recorda que aquel afortunado pescador colgou a cana.
E non é que se poña en dúbida a capacidade de xestión ou a versatilidade de quen chegou a ser ministro con dous dos cinco presidentes da nosa democracia, pois seguramente estamos ante un dos políticos máis hábiles e preclaros dos últimos anos. O problema é que a estas alturas do partido a prima de risco do PSOE está disparada e ofrece menos garantías que o ticket de compra dun bazar chinés. E só por iso, cando un imaxina que quedan por diante máis de dous meses ata a cita electoral, dan ganas de, como ocorre no rugby, pedirlle ao árbitro que pite o final e lle dea a vitoria ao PP por superioridade manifesta.