Posts etiquetados ‘dopaxe’

Trampulleiros

Mércores, 24 de Outubro, 2012

O deporte está conmocionado polo enésimo escándalo no mundo do ciclismo, unha disciplina na que xa calquera gañador parece tan falso como o bico da azafata que entrega o premio. Lance Armstrong acaba de ser desposuído deses sete tours que cada verán gañaba con esa superioridade manifesta que demostran os grandes atletas, pero que ao final só resultaron ser froito dun engano que provoca vergoña allea. A loita contra a dopaxe segue facendo caer mitos nun mundo que derruba ídolos con tanta facilidade como Saturno devoraba aos seus fillos, pero tamén a crise económica serviunos para descubrir trampulleiros por todas as esquinas. Políticos que maquillaban orzamentos, banqueiros que niquelaban contas e engordaban as súas pensións, empresarios que defraudaban ou corrompían para quedar con contratos públicos, policías e funcionarios que poñían o cazo a cambio de facer a vista gorda.

Tan escandalosa é a súa historia como a de Armstrong, que non só decepcionou aos amantes do ciclismo, senón tamén aos que o viron como un exemplo de superación desa enfermidade que aínda causa tantas mortes. Por iso, a tolerancia cero non só debe aplicarse á dopaxe, senón a cantos pillos buscan o éxito polo atallo da treta.