Posts etiquetados ‘Cultura’

Cultura de saldo

Xoves, 24 de Maio, 2012

Os grandes artistas xa non enchen estadios, suspéndense concertos de vellas glorias ao non venderse as entradas e cada vez hai menos diñeiro das administracións, fundacións e obras sociais para actuacións. A cultura está de saldo, do mesmo xeito que tantos outros sectores
económicos, pero a cuestión é saber se este desinterese colectivo polos contidos creativos se debe a uns petos cada vez máis baleiros ou a unha crise existencial dos autores. “Non me dá a gana reinventarme”, advertía hai días Buenafuente tras coñecerse a cancelación do seu programa de humor intelixente, que se autocondenou ao fracaso pola ausencia desa innovación que sempre se lle esixe aos artistas. That’s entertaiment é a frase coa que os estadounidenses definen todo aquilo ideado para encher o lecer dun xeito lúdico e sen máis ambición que deixar bo sabor de boca a quen paga a súa entrada. Con todo, en España non fixeron seu este lema os autores, máis preocupados nos últimos anos por recadar dereitos por propiedade intelectual que por facer gozar o público. E, claro, agora están pagando as consecuencias cun descenso no número de espectadores e, polo tanto, da caixa. Sen apenas subvencións, con internet fomentando o gratis total e cada vez con menos produción imaxinativa, a industria cultural adoece e, coma todos nós, si, necesita reinventarse.

Intelectuais

Xoves, 28 de Xaneiro, 2010
Que a dereita nunca se levou ben coa intelectualidade non é ningunha novidade. A cultura sempre se entendeu mellor co progresismo e a maioría de ideas revolucionarias partiron de plumas zurdas. E é que no fondo os literatos sempre quixeron influír co seu dominio da prosa na política, aínda que non todos os dirixentes, e menos os conservadores, están polo labor de ter un autor de cabeceira que lles marque a folla de ruta. E quizá iso é o que lle ocorre á Xunta de Feijóo, que cada semana abre unha nova fronte cos señores da palabra, ben pola vía do conflito lingüístico, ben polos desplantes á forma de entender a cultura autóctona. Tras o rapapolvo da Academia Galega polo borrador de decreto do galego no ensino, once premios nacionais de literatura acaban de pedir por escrito a dimisión do conselleiro Roberto Varela, tras considerar que a cultura galega está «ensimesmada» e «acomplexada».
A demanda non ten precedentes, aínda que tampouco o ten o feito de que un dirixente ao que se lle encarga a tarefa de defender e promocionar un área dea a impresión de facer todo o contrario. Claro que tamén se pode pensar que o que hai é un conflito de ideoloxías, e a ninguén lle estrañaría.