Posts etiquetados ‘crise’

29-S

Venres, 18 de Xuño, 2010
Manuel Fernández ‘Lito’, o combativo secretario xeral de «ceceoo», como diría Alfredo Urdaci, non puido resistir a tentación e adiantou pola mañá a data da que será a primeira folga xeral da era Zapatero para denunciar o que consideran un ataque contra o estado de benestar. Xa pola tarde, o seu homólogo de UXT sumouse á condena ás medidas anticrisis ordenadas pola UE e asumidas con celeridade polo Goberno español, que se verán complementadas cunha reforma laboral que, como cabía esperar, non será consensuada cos axentes sociais.
A data elixida é o 29 de setembro, unha vez reiniciado o curso político e cando se terá efectuada a prevista remodelación de Goberno na que os ministros máis políticos están chamados a tomar as rendas dese cabalo desbocado que é agora este país.
Tras o pobre resultado da folga de funcionarios, o 29-S será o último cartucho dos grandes sindicatos para demostrar se ese modelo de relacións laborais de fai dous séculos ten aínda sitio na sociedade do novo milenio. Porque máis que un paro xeral, a convocatoria soa a moción de confianza ás propias centrais e nesta tesitura seguro que máis dun traballador escamado podería pedir dobre quenda para esa xornada.

Un mal ano

Venres, 4 de Xuño, 2010
Son como vendedores espontáneos que nos abordan en plena rúa para ofrecernos un produto etéreo: un instante de gratitude por terlles feito algo menos desgraciados. Ás veces dubidamos se a súa é unha penuria verdadeira e xustificamos a nosa indiferenza mirando cara a outro lado como despistados, agarrando o móbil para ocupar o noso tempo ou, simplemente, respondendo cun xesto ou unha palabra cortés que rexeita o seu ofrecemento.
O certo é que estes días de crise e a desesperación de moitas familias ou individuos está sacando á luz a cada vez máis deses vendedores da súa desgraza a quen o rico dicionario cualificou ao longo da historia con múltiples apelativos que van desde un picaresco «pedigüeño» ao desconsiderado «pordioseiro». Pero quizá aquel mítico «pobre vergonzante» que acuñou a caridade franquista durante os anos de autarquía ben podería servir para definir hoxe en día a situación de moitos aos que nos atopamos nas rúas lamentando a súa mala sorte.
O outro día escoitei a un rapaz preguntarlle a un xubilado nun ton que raiaba o colegueo: «Tes unha axudiña para min? Non… é un mal día, verdade?»
Ao que o interpelado respondeu: «Non é que sexa un mal día, é un mal ano».

Erros

Venres, 28 de Maio, 2010
Di o refrán que rectificar é de sabios, aínda que cando a metedura de pata non se asume e recórrese á escusa do lapsus ou a corrección de erros, a suposta sabedoría transfórmase en ousadía e ata en burla. Erros de cálculo houbo e moitos na curta historia da democracia española, como a crenza de Adolfo Suárez de que el só podería afrontar unha transición tan complicada, como Felipe González cando anunciou o seu rexeitamento ao ingreso na Otan ou como José María Aznar cando se sumou a un sinistro cuarteto das Azores que ía desencadear unha guerra e unha contraofensiva terrorista. Agora Rodríguez Zapatero, como bo continuador da tradición dos presidentes de Goberno, parece disposto a facer do gazapo a súa bandeira, aínda a risco de sacar de quicio aos cargos, simpatizantes e votantes do seu partido.
A rectificación do último decreto que prohibía aos concellos a petición de créditos só un día despois da súa publicación e a súa xustificación como un mera fe de erros é un síntoma de que máis que a ortografía o que falla é a gramática. Agora ben, o recibimento de onte dos senadores populares ao presidente ao berro de “Zapatero dimisión” serve como exemplo de que a histeria colectiva tamén é culpable de que se estea a escribir con liñas tortas.

Condenados

Venres, 21 de Maio, 2010

Xa comezan a ser demasiados os exemplos que a diario nos atopamos na rúa ou na nosa contorna de persoas a quen o peor efecto desta crise, a falta de traballo, lles tocou de cheo. O goteo non para e aínda que é significativo o alto grao de optimismo que atesouran os que cada mañá se levantan co ánimo de deixar atrás ese obrigado parón, os rostros confesan unha desazón provocada pola desesperanza que supón ver que a maquinaria económica non acaba de arrincar.
O ministro José Blanco alertaba no programa de televisión La noria –é significativo ata onde teñen que acudir os políticos para tratar de salvar a cara– de que os sindicatos deben de pensar nos máis de catro millóns de parados antes de botarse á rúa a criticar a baixada de soldos dos funcionarios, aínda que o máis triste é que esta masa de españois sen futuro a curto prazo só lle serva ao Goberno para xustificar os seus plans de axuste.
O outro día alguén confesoume que se lle saíse un traballo en Istambul, para alá marchaba, porque xa nin sequera en Madrid vía posible darlle esquinazo á súa mala xeira. Se ninguén o remedia, os especuladores, corruptos e neglixentes van arrastrar outra xeración ao exilio laboral, cando en verdade deberían de ser eles os desterrados.

Máscaras

Mércores, 17 de Febreiro, 2010

Acábase o Entroido oficial pero moitos non se quitarán o disfraz mentres lles resulte útil. Zapatero rodeouse o luns de profesionais da máscara gañadores, aínda que eles si se merecían o premio por facernos fan rir e emocionarnos coa súa historias. ZP con todo, aínda que triunfou en dúas ocasións, é agora mesmo a cara da decepción e quizá por iso trata de tapala cunha amable careta que non convence nin a mercados nin a socios europeos nin a oposición e, a tenor das enquisas, nin aos seus votantes. Preto de iniciar o seu terceiro ano de mandato as súas políticas apenas lograron frear a recesión e o negro panorama que ata debuxan comisarios europeos que el propuxo fixeron actuar ao propio Rei, que saíu a palestra para pedir unidade.
Cada un ten o seu papel nesta mascarada e ao cidadán tocoulle o de asistir como convidado de pedra ao axuste de contas que representa agora a política en España. Iso mesmo pasoulle aos gregos, máis afeitos iso si á traxedia, pero que estes días prepáranse para saír á rúa a denunciar a farsa que os seus dirixentes construíron durante anos. Aquí non sabemos aínda canto tardará en caer o telón, aínda que se albisque o desenlace. Iso si, mentres haxa máscaras a incerteza non cesará.

Pertinaz paro

Mércores, 3 de Febreiro, 2010

Os políticos que sustentaron o franquismo fartáronse de xustificar a mala marcha da economía culpando á pertinaz seca dos problemas que orixinou a autarquía dos primeiros anos de ditadura ou as crises do petróleo de inicios dos setenta e que castigaron a aquela incipiente clase media. Agora o Goberno de Zapatero tamén xustifica o drama persoal de catro millóns de parados acusando ao mal tempo dos últimos meses de evitar un escenario de recuperación. «O axuste prodúcese por motivos climatolóxicos no sector da construción», asegurou onte o responsable da Seguridade Social, Octavio Granado, para lamentarse dunha nova caída nas afiliacións.
Pero se a maquinaria laboral do país non acaba de arrincar coas medidas dos socialistas, en Galicia, onde hai Goberno do PP desde fai nove meses, non se conseguen parir tampouco políticas de emprego como se prometía nos programas electorais. E a situación se cabe é aínda máis crítica, tendo en conta a distancia que sempre houbo coas chamadas comunidades ricas, e sobre todo polo último dato: o aumento do paro e da caída de asegurados é superior en Galicia á media nacional. Claro que igual a culpa é da pertinaz choiva deste noso país.

Pesimismo

Mércores, 30 de Decembro, 2009

O pesimismo alaga o último estudo do CIS, no que case o 80% dos enquisados considera que o principal problema é o paro, e non é estraño porque resulta difícil atopar a alguén que non teña na súa familia ou círculo de achegados a alguén sen traballo. A taxa de desemprego roza o 20 por cento e nalgunhas autonomías como Canarias ou Andalucía as cifras son de récord. Ademais, a vicepresidenta Elena Salgado anuncia que o dato de decembro, aínda que non será tan catastrófico como o de 2008, si será negativo. Acábase así un ano que é mellor esquecer e onde a palabra crise foi a máis cacareada por ricos e pobres, apocalípticos e integrados e, claro, por traballadores e parados.
Pero o panorama que debuxan os enquisados polo CIS é tamén de diván de psicoanalista, pois unha cuarta parte cre que a situación irá a peor e case a metade, que seguirá igual. En todo caso merece a pena quedar coa outra cuarta parte que cre que mellorará. Sexa por ilusos, por militantes do optimismo ou porque cren que tocaron fondo, apúntome cos que brindarán por un ano mellor, con máis traballo para todos e menos apuros por chegar a fin de mes, e con saúde. Porque para pesimistas xa nos chega con aqueles que a diario nos recordan o mal que vai isto.

 

Outono

Venres, 25 de Setembro, 2009

Comeza o outono, e semella que vai ser deses que os medios de comunicación definen como quentes, pola conflitividade social que se prevé. A situación económica vai ser seguramente o que máis combustible aporte ao lume, aínda que a estas alturas da película os empresarios e traballadores xa comezaron a buscarse a vida, cambiar hábitos e adaptarse á crise mentres os políticos seguen a improvisar e learse.

Claro que en Galicia tamén poderían subir as temperaturas temas polémicos que as eleccións autonómicas sacaron á luz e que agora enfrontan a Goberno e oposición. O comezo do curso escolar, por exemplo, sempre é obxecto de controversia, ben porque os profesores non están de acordo cos seus destinos, porque pechan colexios no rural ou porque non se acabaron a tempo as obras.

Nesta ocasión sumouse á polémica a decisión da Consellería de Educación de eliminar o sistema de préstamo gratuíto de libros de texto, que desatou loxicamente as protestas de pais e nais. Os socialistas, impulsores no seu momento da medida, son os que máis están a axitar, posto que estamos a falar dun gasto medio por alumno de 250 euros, que as familias teñen agora que asumir. Doutra banda, os nacionalistas queren dar a batalla social na defensa da lingua diante dun PP que consideran extremista por querer mudar o decreto do galego. Contan neste caso co apoio do mundo da cultura galega, que tamén está a manifestar publicamente a súa preocupación pola política lingüística que vai desenvolver Feijoo.

As medidas para frear o fenómeno do ‘botellón’, a situación das listas de espera e a incerteza pola evolución da gripe A poden axudar a caldear o ambiente, aínda que de momento, a única predición segura e a dos meteorólogos, que din que será un outono frío. Xa veremos.

Xa está aquí

Martes, 12 de Maio, 2009

Nas provincias con problemas de desenvolvemento como a de Lugo as mareas sempre chegan con atraso. Así, ao igual que as infraestruturas ou as novas tecnoloxías tardan tempo en facerse visibles, as épocas e de vacas gordas e fracas arrecian cando noutras latitudes mesmo comenzan a mudar. É o caso da crise económica, da que parece albiscarse unha contención na caída do emprego, pero que no caso de Lugo podería non suceder se continúan a rexistrarse expedientes de regulación de emprego nas grandes empresas.

Nesta semana coñecimos o que estaba cantado, que o Grupo Leche Pascual quere desfacerse da factoría de Outeiro de Rei. Logo dos movementos que estaba a facer coa redución da recollida e a busca de empresas para alugárllela pranta, o martes sóubose que un ERE deixará na rúa dunha tacada 155 traballadores e que colateralmente afectará a centos de transportistas, gandeiros e empresas de servizos. A firma dá como argumento o veñen denunciando as organizacións agrarias, unha caída do consumo, o auxe das marcas brancas e, seguramente, a entrada de leite de fóra de España a prezos moi baixos. Ademais, a decisión de Pascual chegou xusto cando estaban convocadas mobilizacións en 15 cabeceiras de comarca, entre elas a da Terra Chá, cecais a que máis depende en Galicia dunha industria láctea en caída libre.

Pero o feito de que o pico da recesión xa chegou a Lugo vese tamén noutras regulacións de emprego que tamén se coñeceron estes días en empresas de tamaño medio ou grande, como é o caso de Sargadelos en Cervo ou Fibranor en Rábade. Nestes casos, preto de cincocentos traballadores van ir ó paro durante varios meses logo da redución das ventas. Antes ca elas, máis de trinta firmas, sobre todo relacionadas co sector da construción, xa levaban presentados EREs no último ano. É o caso de Ingemarga, en Guitiriz; da pizarreira Ferlosa, de Quiroga, ou de Materiales de Burela. Pero o peor é que os sindicatos temen que os desta semana non van ser os últimos na provincia, polo que a escalada de destrución de emprego podería non ter máis que arricando. Mesmo se rumorea que a primeira industria de Lugo, Alcoa, podería estar preparando unha regulación.

De momento, o peor drama estano a vivir os traballadores de Pascual e o propio concello de Outeiro de Rei, onde o peche desta fábrica podería ser comparable proporcionalmente o dunha firma como Citroën en Vigo. Sorte para eles, van necesitala.

Malas vibracións

Domingo, 12 de Abril, 2009

Hai quen di que os medios de comunicación somos en parte responsables da crise porque cada día dámoslle unha volta de torca ao tema para debullar como lle afecta á sociedade esta recesión. Vamos, que os xornalistas serían o contrapunto do traballo que teñen que facer gobernantes e mesmo psicólogos para curarnos desta depresión colectiva. Se cadra na procura de titulares que cadren e porcentaxes imposibles ás veces se nos vai a man, pero o problema é que os encargados de xerar tranquilidade cada vez fan menos por quitarnos a razón.

Para empezar, a última remodelación do Goberno de Zapatero, por moito que nos poida alegrar aos de Lugo por ter un ministro paisano, non acaba de dar boas vibracións. Por se fora pouco inquietante o relevo do vicepresidente Pedro Solbes, bregado en mil guerras económicas e que abandona o barco no medio da batalla, agora di adeus quen foi o seu número dous no ministerio nos últimos cinco anos, David Vegara. Vaise alegando motivos persoais, aínda que entre eles seguramente estará o de non ver colmadas as aspiracións de converterse en ministro.

Logo temos aos da oposición, que tampouco fan moito por levantar a moral. Se antes era o PP o único que tiraba de discurso catastrofista, agora que Zapatero foi deixando amigos polo camiño os tiros chegan de todos as bandas e seguro que a este novo Goberno non lle van dar nin unhas semanas de tregua, pois as eleccións europeas son en xuño.

Pero por enriba de todo o que máis yuyu dá á hora de afrontar a crise son as famosas estatísticas. Cada semana nos chega un dato peor co do mes ou o ano anterior e como os medios de comunicación son quen de vestilos, dá a impresión de que son eles os que os provocan. Pois nada diso, porque tamén moitos xornalistas estanse vendo afectados polos problemas que pasan as súas empresas. O que ocorre é que teñen a mala costume de ir contando a verdade e din que en determinadas enfermidades ás veces e mellor agochar a crúa realidade.

Fronte a este pesimismo xeneralizado podemos loitar con algunhas doses de humor e como nas épocas de crise é cando máis se lle fai andar á testa  nalgúns países como Estados Unidos xa lle buscaron o xeito de sacarlle partido ás desgrazas. Un ‘reality show’ da cadea Fox vai televisar en directo despedimentos en empresas, nos que os propios empregados decidirán en base ao soldo e rendemento quén ten que irse para reducir custes. Claro que o programa ten trampa: nunca poderán botar ao xefe. Lerias aparte, o único certo é que logo de que os ianquis provocasen esta crise, ata que eles non a superen, tanto económica como psicolóxicamente, a nós tócanos estar a velas vir.