Desesperados
Luns, 16 de Febreiro, 2009Certificado xa polo INE que España está en recesión logo de quince anos, moitos traballadores e tamén os empresarios comezan a estar desesperados. Algúns ata non dubidan en subirse a un guindastre de obra para reclamar que lle paguen o que lle adebedan, como así fixo na Coruña un patrón portugués que rexenta unha pequena firma de construción en Lugo á que outra empresa non lle da pagado os 30.000 euros acordados pola execución dunhas obras. Ao igual que Mario Fernández, que é como se chama este arroutado emprendedor, moitos compañeiros do sector estanse a ver coa auga polo pescozo e sen perspectivas de que esto mude, pois a fin da crise do ladrillo semella que vai aínda para longo.
Claro que esta semana veu por Lugo a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, para informar da marcha do plan para incentivar o sector da construción mediante a execución de obras nos concellos. Di que é un exemplo de programa que vai ser imitado mesmo polos alemáns, que sen embargo non están a ter tantos problemas co emprego coma España. Espérase que esta choiva de millóns sexa un bálsamo para moitas empresas que xa reduciran en gran medida as súas plantillas e que estaban en perigo de bancarrota. O que ocorre é que na maioría dos casos os problemas destas firmas veñen precisamente polos impagos e o feito de que sexa precisamente a Administración a maior morosa nestes intres xera a dúbida sobre se vai chegar a tempo este plan e mesmo se serán capaces as adxudicatarias de afrontar obras sen ver antes os cartos.
Porque ao final e segundo os expertos, esta é unha crise financeira, na que unha mala xestión bancaria fixo tremer a un sistema capitalista que agora está afogando a todo o tecido produtivo que o sostiña. Xa non se fía, como poñían antes os carteis nas tabernas, e por iso o gran atranco está ás portas das entidades prestamistas. E se non hai liquidez a cadea de impagos faise máis longa e deixa atrapados tanto a pequenas como grandes empresas.
Os gobernos, seguramente porque están metidos en campaña, albiscan esperanzas de que a situación mellore a partir da segunda metade do ano, pero arestora o pesimismo na rúa está a ser unha constante e a palabra recorte é a máis usada nos foros empresariais, onde xa se empeza a pedir unha flexibilización do despedimento.
Non creo que a desesperación dos patróns que protestan empoleirados en guindastres ou que tentan queimarse ao bonzo lles serva de moito e esperemos que o exemplo non cunda. Eso si, os políticos deberían comezar a preocuparse de verdade de que esto pinta pero que moi mal.