O capítulo 1
Mércores, 20 de Maio, 2009O pequeno concello lugués de Muras está a ser noticia non porque a crise estea a facer dano no seus escasos sectores produtivos, agora máis enfocados ó sector eólico, pois os seus preto de oitocentos habitantes son a maioría xubilados, senón porque o seu alcalde acaba de fixarse un salario que supera o orzamento que o seu concello adica a infraestruturas. Aínda que non é de bo gusto andar aireando ás nóminas dos demais, o certo é que resulta chamativo que o popular Issam Algnam Azam, neste clima de austeridade que proclama o seu partido, se vaia embolsar preto de 60.000 euros por facer de rexedor dun concello onde a xestión máis importante da semana pode ser quedar co secretario para tomar café.
Na súa defensa, o alcalde de orixe sirio di que aínda así vai perder cartos con respecto ó seu traballo na sanidade, pero o problema é que tendo en conta a falta de médicos rurais que padecemos e o excedente de políticos sen cargo xórdenos a dúbida de se non sería mellor que o rexedor cedese o bastón de mando e de paso lle aforrase un gasto o seu concello e un sufoco ao seu partido.
O caso de Muras é só un exemplo dos excesos que a profesionalización da política está a xerar nas pequenas administracións e que resulta máis chamativo no caso de Galicia, onde hai unha alta porcentaxe de concellos de menos de dous mil habitantes que teñen en nómina con adicación exclusiva non só a moitos alcaldes, senón tamén a algún dos seus concelleiros. A redución de ingresos que están a sofrir, provocada en parte pola caída da construción, vai obrigar a reinventar o xeito de xestionar o eido local, por moito que lles doa a aqueles munícipes que fan da política unha forma de vida cando en moitos casos só se demanda voluntarismo a prol da comunidade.
Tampoco é que se lles pida ás corporacións que procedan como fixo a oposición no concello de Meira, que aproveitou unha ausencia no pleno dun membro do equipo de goberno para rebaixarlle en cincocentos euros o soldo ó alcalde. Se cadra estas medidas deberían saír dos propios rexedores e, indo máis aló, dunha lexislación que impida que gran parte dun orzamento municipal sexa asignado ó chamado capítulo 1, o que atinxe aos gastos de persoal. Iso non quere dicir que haxa que pechárllelas portas da política aos profesionais mellor pagados, o que se pide é que cando decidan entregar o seu tempo ao servizo da comunidade, pois dean, a poder ser, o adicado ao ocio. E senón, que deixen paso a outros.