Posts etiquetados ‘coche compartido’

Viaxe a escote

Mércores, 11 de Xuño, 2014
Non vou negar que son desas persoas ás que lles gusta viaxar só no coche, sen ter que forzar unha conversa nen negociar a música ou unha emisora a escoitar e, sobre todo, sen distraccións que impidan atender ao que hai que atender, a estrada. Pero tamén entendo que chegado un momento no que compre facer xestos individuais pola sustentabilidade do planeta, a imaxe de vehículos cun só ocupante por autovías e autoestradas que poden acompañarnos ata centos de kilómetros fanme sempre pensar se non houbera sido mellor ter quedado antes para percorrer o camiño no mesmo coche.
Se cadra por iso e tamén por esta crise que nos fixo a todos mirar por cada euro que gastamos, nos últimos anos proliferaron as páxinas web e aplicacións para móbiles coas que compartir coche nos desprazamentos longos e que tamén agora se ofertan nas cidades, algo que entra en competencia directa co gremio do taxi, cuios profesionais están a presionar aos gobernos para que se multe mesmo aos usuarios deste sistema.
A UE xa tomou partido dándolle a razón ás plataformas que promocionan o coche compartido e en España o Ministerio de Fomento deu marcha atrás logo de anunciar que podería multar a empresas e usuarios destes servizos. De novo a tecnoloxía e os que tratan de buscarlle utilidade están a cambiar hábitos e fronte a iso, máis que poñer cancelas, o que queda é adaptarse.

Unha rapaza na procura de taxi ou coche compartido