Posts etiquetados ‘Coalición Galega’

Circo político

Mércores, 4 de Maio, 2011
Teño que confesar que este insano interese pola política xa me vén de pequeno. Cando os meus compañeiros de colexio se intercambiaban cromos de Migueli, Gordillo ou Camacho, eu coleccionaba adhesivos de propaganda das centos de siglas que poboaban a Transición e das que facía provisión naquelas ruidosas campañas electorais. Recordo sobre todo o traballadas que eran as dos roxeras e fachas, coa estética soviética do PCE, o colorismo do incipiente Bloque ou as ameazantes mensaxes de Fuerza Nueva ou Falange, quen contrapuñan imaxinación aos medios da UCD ou o PSOE.
A miña afección por coñecer as reviravoltas da política ata me levou de adolescente a traballar, de forma remunerada por suposto, nalgunha campaña de Coalición Galega, onde tocaba facer garda o último día de pegada ante a parede que acababas de empapelar para que lucise durante o día de reflexión.
Agora que a política se fai con menos paixón e os muros xa son virtuais, o que colecciono son roldas de prensa e cafés cos candidatos, e, a partir do venres, mitins nos que escoitarei por enésima vez promesas que se fan a uns votantes cada vez máis hastiados, pero aos que aínda atrae, como a aquel neno sen consolas, este circo político.