Posts etiquetados ‘Cidade da Cultura’

Gaiás

Mércores, 12 de Xaneiro, 2011
Os galegos que circundan Compostela pola A-9 son conscientes de que no monte Gaiás está enterrado boa parte dun orzamento que ao longo dos últimos dez anos ben puidera ter servido para que hoxe en día Galicia non se situase entre as comunidades onde máis crece o paro. Pero o feito, feito está e tres gobernos de estilos ben diferentes non se atreveron a parar unha obra melogalómana que buscaba imitar ás grandes creacións arquitectónicas que se converteron en iconas dalgunhas cidades.
Galicia sempre necesitou de máis autoestima e non porque a riqueza natural ou o legado monumental levantado ao longo dos séculos sexa insuficiente para sentirnos orgullosos como pobo. O problema é que cando demos conseguido autogoberno e capacidade financeira suficiente para construír a nosa torre de ouro, fóisenos a pinza e acabamos levantando un mamotreto sen unha utilidade clara e que seguirá dando desgustos orzamentarios aos dirixentes da Xunta. Aínda así, o certo é que cada vez que se estrea casa, coche ou traxe o corpo experimenta unha sensación de satisfacción que ningunha factura impagada debe bloquear. Xa haberá tempo para tirarnos dos pelos, así que eu apúntome a visitar a Cidade da Cultura en canto poida.