Controlar ao controlador
Mércores, 28 de Setembro, 2011Un conselleiro de RTVE nomeado a proposta de Comisións Obreiras acaba de dimitir tras permitir coa súa abstención que saíse adiante unha proposta para que este órgano asesor tivese acceso directo aos contidos dos informativos durante a súa elaboración. O dimisionario conselleiro, quen se estará lamentando da perda dos seus privilexios -salario anual de 120.000 euros, Visa Ouro e dous empregados ao seu servizo- di ser vítima desa mala costume de deixarse aconsellar polo da beira -neste caso un xornalista nomeado polo PSOE-. O caso é que unha vez que a opinión pública coñeceu que esa ducia de ociosos ‘controladores’ decidiran pasar o seu tempo furgando nos borradores dos reporteiros de TVE, deuse marcha atrás ao acordo, aínda que só Comisións obrigou a dimitir ao seu conselleiro, mentres o resto limitouse a desculpar o erro.
Non foi nin será a última vez na que quen máis sae nos informativos -políticos e sindicalistas- queiran ter o control absoluto sobre os que en realidade os deben controlar. Hai pouco ata tentaron, coa aquiescendia dalgún inxenuo xornalista, crear unha comisión parlamentaria que tivese a capacidade para apartar a alguén da profesión. A Fape liderada por Urbaneja foi capaz de parar tamaña arroutada coa única asignatura que non se aprende nas facultades de xornalismo, o sentido común.