Posts etiquetados ‘Cascos’

Ollo ao piollo

Domingo, 1 de Abril, 2012

O mesmo nivel de acolloamento que teñen agora mesmo os afeccionados do Real Madrid, que senten na caluga o alento dos seus eternos rivais, é o que poden vivir os populares galegos logo de ver como as medidas de axuste económico do Goberno de Rajoy lle custaron a Javier Arenas unha presidencia andaluza que tiña practicamente na man.

Porque Galicia e Euskadi son as citas máis próximas no calendario electoral español e, aínda que os comicios vascos pouco ou nada teñen en común cos do resto, os galegos si que están máis relacionados coa dirección da onda ou tsunami que se estea movendo en España. Por iso creo que os puntos de vantaxe que as enquisas dan ao PPdeG sobre os seus divididos perseguidores poden ser un aval tan insolvente como o que cría ter Arenas, que mirou para outro lado cando o seu xefe subiu impostos, conxelou investimentos e aprobou unha reforma laboral decimonónica.

Pese á desfeita andaluza e o problema que lle supón Cascos, Mariano Rajoy cre que a tesoira non lle pasou factura e mesmo anuncia máis madeira para abril. Con iso o presidente tamén quere demostrar que non lle ten medo a unha folga xeral que ata se adiantou a anunciar, sabedor de que eses paros regulados, nos que ata se pactan os servizos mínimos, nunca depuxeron gobernos. Pero ollo ao piollo, as urnas son outra cousa e Feijóo ten ata marzo para recordarllo.

Retornados

Mércores, 1 de Febreiro, 2012

Non creo nos políticos retornados, porque ou ben queren emendar un fracaso ou ben trincar todo o que non puideron antes. Aínda que sempre hai quen entenden que dedicarse ao público require un período que non debería ir máis aló dunha década, o sistema derivou nunha parasitose que se enquista primeiro nas bases dos partidos para despois trasladarse ás institucións onde gobernan.

Exemplos temos de políticos crecidos ao abeiro das siglas, que co paso das décadas seguen a pé de escano, mentres que os que criamos xa amortizados regresan para seguir quentando asento ou para rivalizar cos que foron os seus compañeiros.

O último caso de político de segunda volta protagonízao Francisco Álvarez Cascos, quen, tras abandonar o PP por discrepancias coa dirección, fundou un partido que gañou os comicios autonómicos e logrou formar goberno en minoría en Asturias. Seis meses despois de tomar posesión e incapaz de consensuar uns orzamentos cos seus ex colegas, o que foi caricaturizado polo PSOE como o dobermann de Aznar decide botarse ao monte e converterse no primeiro presidente dunha autonomía do café para todos que adianta unhas eleccións.

A proposta invitaría á risa compracente do chiste malo se non fose polo dispendio que xerará ese referendo a prol de Cascos, un caro billete de retorno para quen nunca quixo irse.