Posts etiquetados ‘candidatos’

O debate dos soldos

Mércores, 5 de Setembro, 2012
O  soldo dos políticos sempre foi un tema tabú ata que a man lixeira dalgúns obrigou a facer pasar polo arco de seguridade ás súas señorías para comprobar o seu patrimonio. O problema é que tanta transparencia no que derivou é na constatación de que cada vez hai máis xente que desembarca na política en busca dunha profesión ou, como dixo un deputado do PP, para tratar de chegar a fin de mes, «pasándoas canutas», con cinco mil e pico euros ao mes.
A proximidade dos comicios autonómicos volve facer aflorar a polémica sobre os soldos dos gobernos e os populares lucenses acusan agora ao executivo da Deputación de gastar en retribucións tanto como o gabinete de Feijóo. O cálculo fano contando a nómina de asesores, o que lle serve ao PSOE para recordar que só no equipo de Presidencia da Xunta hai máis de 55 traballadores de libre designación.
O debate, que seguramente non terá moito percorrido tendo en conta que todos os partidos usan os gobernos para colocar aos seus, o único que lle serve ao cidadán é para comprobar que nestes días de confección de listas electorais a maioría dos políticos e asesores xóganse todo a unha carta e, ata os que teñen praza de funcionario asegurada en caso de quedar fóra, saben que o recorte salarial pódelles saír por un pico. E quizá por esta razón a caza do voto vai estar máis rifada ca nunca.

Circo político

Mércores, 4 de Maio, 2011
Teño que confesar que este insano interese pola política xa me vén de pequeno. Cando os meus compañeiros de colexio se intercambiaban cromos de Migueli, Gordillo ou Camacho, eu coleccionaba adhesivos de propaganda das centos de siglas que poboaban a Transición e das que facía provisión naquelas ruidosas campañas electorais. Recordo sobre todo o traballadas que eran as dos roxeras e fachas, coa estética soviética do PCE, o colorismo do incipiente Bloque ou as ameazantes mensaxes de Fuerza Nueva ou Falange, quen contrapuñan imaxinación aos medios da UCD ou o PSOE.
A miña afección por coñecer as reviravoltas da política ata me levou de adolescente a traballar, de forma remunerada por suposto, nalgunha campaña de Coalición Galega, onde tocaba facer garda o último día de pegada ante a parede que acababas de empapelar para que lucise durante o día de reflexión.
Agora que a política se fai con menos paixón e os muros xa son virtuais, o que colecciono son roldas de prensa e cafés cos candidatos, e, a partir do venres, mitins nos que escoitarei por enésima vez promesas que se fan a uns votantes cada vez máis hastiados, pero aos que aínda atrae, como a aquel neno sen consolas, este circo político.

Imputados

Mércores, 13 de Abril, 2011
A política debería ser como un autobús de liña, no que os que baixan deixan sitio aos que soben, aínda que non sempre é así e hai quen a asume como profesión para toda a vida. Dise por exemplo que Manuel Fraga se subiu na súa vintena a un coche oficial e ninguén foi capaz de baixarlo ata hoxe, para ben ou para mal.
Fai días un político retirado confesábame que deu o paso de entrar no público pensando, sobre todo, na soldada e na pensión de xubilación. Un arrebato de sinceridade a touro pasado, pero á fin e ao cabo unha verdade da boa, como din eses auténticos ácratas aos que chamamos nenos.
Agora acabamos de saber que os dous grandes partidos presentan nas súas listas electorais a persoas imputadas en sumarios xudiciais, entre eles un presidente autonómico que seguramente arrasará a uns desabridos rivais. Os seus líderes, aínda máis indolentes, asumen con flema a vergoña de compartir siglas con quen non merece estar ao coidado da caixa de todos e renuncian a obrigarlles a baixarse antes da seguinte parada para non perder viaxeiros.
Non creo que a política sexa só unha cuestión de privilexios, diñeiro ou poder polo feito de mandar, aínda que moitos se empeñen en facérnolo crer así.