Posts etiquetados ‘cámaras’

Seguridade

Venres, 23 de Abril, 2010
Teño un amigo indignado porque desde que comprou un Seat León de segunda man, negro e con cristais tintados páralle un día si e outro tamén a Garda Civil. Eu dígolle que ten un coche sospeitoso e que o mellor é, polo menos, cambiarlle os portelos macarrónicas, aínda que o certo é que a súa é unha crítica lóxica dun cidadán que xa está ata a pucha deste estado policial no que nos estamos convertendo. Porque se hai algo que moleste excesivamente é ser prexulgado por un uniformado a quen lle inculcaron na academia esa zafia idea de pensa mal e acertarás.
A anécdota faime ademais reflexionar sobre esa sensación de vixilancia que un sente xa no cocote ante a proliferación de cámaras de videocontrol públicas e privadas que se instalan baixo o paraugas da seguridade cidadá. O Concello de Lugo, por exemplo, declara ter máis de 60 por toda a cidade, aínda que se contamos tendas, garaxes ou ata os ascensores dos supermercados podémonos atopar con que estamos máis gravados que a entrada do chalé da Pantoja. Aínda que o peor é que estamos convencidos de que esta forma de control que raia a inconstitucionalidade é o mellor para nós e ata no meu portal acaban de propor instalar un videoporteiro. Xa imaxinan cal será o meu voto.