O día de…
Mércores, 9 de Marzo, 2011Afixémonos tanto a dedicar un día, unha semana, un mes ou un ano a recordar un feito histórico ou a difundir unha causa que acabamos por banalizar este tipo de celebracións ata o punto de que á maioría dos mortais tráelle sen coidado o calendario lúdico-reivindicativo.
Onte, por exemplo, foi o Día Internacional da Muller e aínda que a elas debémoslles precisamente o milagre da vida, acaba por resultar cansino que cada ano as feministas presenten a cara máis victimista dunha muller que sen embargo ten cada vez máis protagonismo na sociedade precisamente polo traballo en favor da igualdade realizado a diario desde os dous sexos.
Pero o relicario de celebracións non acaba aí, porque este mes ten tamén día dedicado o ril, o glaucoma, o risco cardiovascular, a tuberculose e ata o soño, ademais do traballo social, os dereitos do consumidor, a auga, a meteorología, a loita contra racismo ou a solidariedade cos detidos e desaparecidos. E a pesar diso, aínda nos quedan datas para asignarlle unha causa que mereza a pena defender, aínda que se eu estivese á fronte do Goberno seguramente dedicaría cada un dos días que restan para acabar o ano a buscarlle traballo a eses catro millóns e medio de parados.