Fusións
Mércores, 31 de Marzo, 2010As caixas de aforro, o último reduto no que o poder económico está supeditado ao político, ten a mal traer aos grandes partidos galegos, aos executivos atrincheirados e tamén a miles de traballadores que ven perigar os seus postos de traballo a conta dunha fusión que nos foi vendida ben como un berro de automotivación ao Braveheart ben como un xesto de supervivencia do sistema financeiro galego na maraña tecida polos grandes bancos. A presión política e social -entendida esta última desde a retórica dos medios de comunicación- parece que vai obrigar ás dúas grandes caixas galegas a unirse nunha entidade única que debe estar preparada para aguantar a presión dun novo ciclo económico postcrisis -se é que damos saído- e a defender as iniciativas empresariais e o tecido produtivo galego, á vez que contribuír ao benestar social e ao fomento da cultura. Pero isto da banca non se inventou para gañar diñeiro?, preguntarán algúns. Pois si, pero é que as caixas son tamén un instrumento para a política e grazas a iso serán capaces de aguantar calquera embate do indomable mercado. A tan traída fusión é xa que logo unha pelexa fratricida; non se preocupen, o modelo non está en crise.