Orgasmus
Mércores, 6 de Novembro, 2013Non sei se o programa Erasmus fai máis Europa que a Champions League, pero logo de 26 anos de vixencia a lo menos ten facilitado a máis de tres millóns de universitarios a oportunidade de estudiar fóra dos seus países de orixe, unha posibilidade á que ata o xurdimento desta iniciativa só podían acceder fillos de familias acomodadas.
A popularización destas becas e programas do tipo Españoles por el mundo, onde os mozos aparecían de troula nas cidades a onde foran estudar, acabaron por trivializar o fenómeno Eramus e ata algún chegou a rebautizarlo como Orgasmus, logo de tomarse ao pe da letra que era un programa de intercambio. Se cadra o ministro Wert pensou que esa imaxe distorsionada lle serviría para xustificar un recurte máis no seu departamento e, como se fan as cousas que un non se atreve a anunciar, publicou unha orde no BOE na que decretaba, co curso iniciado, que moitos erasmus se quedarían sen a pírrica axuda de 150 euros para compensar os gastos de desprazamento.
Pero a crítica á medida non lle veu esta vez a Wert de onde sempre, da pertinaz oposición, se non das súas propias filas, onde moitos dirixentes populares teñen fillos beneficiarios desas bolsas. Por iso a rectificación non se fixo esperar e, logo dun estirón de orellas da cúpula do PP, anunciaba a cancelación da orde de Educación. Mágoa que non haxa na UE un programa de intercambio de ministros.