Posts etiquetados ‘banca’

Pánico

Venres, 10 de Outubro, 2008

Polos foros de internet xa circula a inquietante pregunta: Ten medo a perder os seus aforros por culpa da crise? A cuestión soaría a exceso se non fose porque o pánico parece ter atrapado a algúns cidadáns, que segundo confirman nalgunhas entidades financeiras de contrastada solvencia, están acudindo xa a retirar os seus depósitos non se sabe ben se para escondelos debaixo do colchón ou directamente para gastarlos por se acaso.
Á marxe do problema de inseguridade cidadá que a acumulación de diñeiro en domicilios pode xerar, os gobernos europeos decidíronse a actuar para evitar unha desestabilización do sistema financeiro que podería agravar aínda máis os efectos da crise. Así, Europa vai garantir os depósitos bancarios ata os 50.000 euros e, no caso de España, a cifra elévase ata os 100.000, nun intento de evitar a fuga de capitais a outros países. Claro que tendo en conta que só unha quinta parte dos españois ten no banco cantidades superiores a 20.000 euros, a alarma resulta ridícula, pois a realidade é que o cidadán de a pé o que está é empeñado ata o tuétano. Por iso ante os ataques de pánico o que hai que facer é o que aconsellan os profesionais: respirar fondo, relaxarse e seguir ao que estamos.