Posts etiquetados ‘autovía’

Derrubamentos

Mércores, 18 de Marzo, 2009

No seu tempo foi a maior obra de enxeñería de España e unha das máis complicadas de Europa. A decisión política de facer pasar a autovía do Noroeste por Pedrafita tiña o risco de verse afectada polo incumprimento de prazos e o elevado orzamento, una premisa que se cumpriu logo de que se tardasen desde o inicio das obras dez anos en inaugurar o último tramo. E tamén estaba o perigo de padecer os efectos das nevaradas en inverno ou o derrube de noiros. No tocante a neve, solucionouse cun costoso retén que por exemplo durante os últimos meses traballou arreo para ter limpo o asfalto, mentres que os derrubamentos acaban de facer acto de aparición, cortando tramos de autovía e dando a razón a xeólogos e enxeñeiros que hai anos xa alertaban dos problemas que poderían dar determinados trazados.

Así que despois dun dos invernos máis duros das últimas décadas, de repente atopamos cortes en tres puntos das autovías coa Meseta e un deles, o ocorrido no val do río Valcarce, ten trazas de durar varios meses e mesmo de obrigar a un investimento millonario para evitar futuros problemas. E entrementres os galegos seguen á espera doutras infraestruturas tamén complicadas de facer como o AVE ou o remate da autovía do Cantábrico. Esperemos que os enxeñeiros aprendesen a lección e que malia tarde as obras se fagan como deus manda.

Desexado corte de cinta

Luns, 10 de Novembro, 2008

Entre as razóns de por que aos gobernantes o que máis lles gusta é inaugurar autovías ou líneas de AVE seguramente estará o alivio que supón para o orzamento dos organismos que dirixen o ter acabadas as obras. Recordo que Felipe González non era nada amigo destes actos de corte de cintas, quizá porque primeiro non lle fixo falta rendibilizar en votos estos alardes de política de formigón e alcatrán e despois porque cando non lle saían as contas quizá xa era tarde para mudar os costumes.
Pola contra, o ex presidente da Xunta Manuel Fraga era capaz ata de inaugurar rotondas e boa proba dese interese por sacarlle partido a cada peso gastado polo seu goberno son as miles de placas que colgan en edificios oficiais.
A Xunta bipartita tamén colleu o hábito das inauguracións, malia que xa anunciou que vai ter a deferencia coa cidadanía de non utilizar este tipo de actos durante a vindeira campaña electoral.
O caso é que agora aínda non hai data oficial para os comicios autonómicos e por iso a apertura ó tráfico o venres dun novo treito de sete quilómetros da autovía do Cantábrico na Mariña levou ao Ministerio de Fomento a organizar un novo acto de autorecoñecemento co que se cadra se pretenda lavar a mala imaxe que a titular do departamento, Magdalena Álvarez, ten en Galicia. Pero aínda que poida parecer ridículo que tanta autoridade se movilice para cortar a cinta dun treito tan cativo e só unhas semanas despois de abrir outro similar na ponte dos Santos, o caso é que para unha comarca como a da Mariña e o seus veciños do occidente asturiano supón todo un acontecemento, logo de que despois de tantos anos de esquecemento por parte das administracións se consiga dotar a estes municipios costeiros dunha moderna vía de comunicación. Porque logo de que o Goberno de España deixara para o final os tramos galegos da autovía do Cantábrico e tendo en conta a lentitude coa que se desenvolveron as obras durante os últimos anos, xa había quen pensaba que nunca chegaría a ver aberta esta autovía, que so no pequeño treito entre Barreiros e Asturias pode aforrarlles aos condutores ata vinte minutos de viaxe.
Esta, unida a seguridade que aportan ó tráfico as autovías, son as vantaxes dunha obra que sen embargo deixa fóra de xogo ao resto de concellos mariñanos, que de momento só teñen o compromiso de ter algún día un corredor ata Ferrol que evite o paso polas vilas.
Entre as desvantaxes estarían o impacto ambiental que supón este tipo de infraestruturas ou a progresiva urbanización de novas zonas de costa. Aínda así, aos mariñans ninguén lles quita que o venres foi un día de festa logo de tanta espera pola chegada dos cortacintas.