Posts etiquetados ‘Arxentina’

A Arxentina

Mércores, 18 de Abril, 2012
Un dos meus destinos pendentes de coñecer é A Arxentina, esa terra de acollida de varias xeracións de galegos expatriados polo fame, a guerra fratricida, a ambición ou ata polo amor. Din os que alí viviron que as oportunidades e o fracaso están á volta de cada esquina, e que os seus habitantes acuñan todo o bo e o malo da amalgama de razas que os conformaron. Das súas riquezas naturais e culturais aproveitáronse as metrópolis ao longo de cinco séculos e esa cobiza do conquistador tamén serviu para facer emerxer ditadores ou políticos populistas capaces de mobilizar ao pobo contra o invasor ata o borde do abismo.
Dez anos despois de vivir unha crise difícil de imaxinar nun país con tantos recursos e que supuxo a venda das xoias da república e a saída do país dos mozos mellor preparados, A Arxentina da era Kirchner quere recuperar o seu status con métodos pouco ortodoxos para o sistema económico mundial, como a nacionalización da petroleira YPF, propiedade da española Repsol.
A medida indignou ao Goberno de Rajoy, que dá por roto o clima de «cordialidade e amizade» e anuncia «represalias», aínda que non sabemos se consistirán nun embargo á importación de doce de leite, a expulsión da Asociación de Academias da Lingua, a clausura dos gabinetes de psicoloxía ou o secuestro de Messi e os seus balóns de ouro. Boludos.