Posts etiquetados ‘antidisturbios’

O inimigo

Xoves, 23 de Febreiro, 2012

Hai palabras que desde que alguén lles dá un ton hilarante, resulta imposible que teñan outro diferente. Por iso cando escoitei o xefe de Policía de Valencia referirse aos estudantes do instituto Lluís Vives como o inimigo, veume á cabeza a imaxe de Gila, vestido de militar e teléfono en man, preguntándolles aos do outro bando a que hora ían atacar.

As declaracións sobre a brutal carga dos antidisturbios realizadas por Antonio Moreno, que non é un recentemente chegado ao cargo pois foi nomeado por Rubalcaba, converteron este dirixente policial e á Subdelegada do Goberno en Valencia neses absurdos personaxes cos que falaba Gila xusto desde o momento en que trataron de xustificar a contundencia empregada contra uns mozos que cortaron a rúa para protestar sen a autorización preceptiva.

Pero aínda que os axentes foron só un brazo executor dos que cren que a orde se mantén fomentando o medo, algunhas das imaxes que se viron sobre o trato dado ao “inimigo” amosan que cando se acende a chispa da violencia, resulta moi difícil sufocar o lume. Por iso os novos gobernantes deste país, que seguramente afrontarán nos próximos meses moitas máis protestas e cortes de tráfico, deberían recordar antes de dar a orde de ataque aquela frase de Lluis Vives na que advertía: “Xamais é nociva a reprensión aínda que veña do teu inimigo”.