Posts etiquetados ‘Ancares’

Somos unha reserva

Domingo, 2 de Novembro, 2008

O oso pardo atropelado esta semana na autovía A-6 acabounos de confirmar que a provincia de Lugo estase a consolidar como terra de acollida. Pero non de inmigrantes, porque o número deles que chegan ata acó é irrisorio comparado cos doutras zonas do Estado, nin tampouco de emigrantes retornados, que prefiren asentarse nas cidades da franxa atlántica. Aquí o único aumento de censo que estamos a rexistrar é o dos animais salvaxes.
E aínda que a maioría dos lugueses, sobre todo os da zona rural, ben poderían ser catalogados como ecoloxistas, pois son moitos os que crían ou criaron animais e polo tanto saben o que é terlles cariño e protexelos, aqueles que aínda viven nas aldeas da montaña non están para nada dacordo en cederlles terreo ás bestas. Din que o seu gando está en perigo e non hai axudas dabondo cando se producen ataques de alimañas e tamén consideran que a protección de zonas para permitir o asentamento destes animais afecta ao desenvolvemento das súas explotacións agropecuarias.
E por se esto fora pouco, a partir de mediados de outubro moitos veciños do rural teñen que pecharse as fins de semana nas súas casas, con portas e fiestras ben trancadas para resgardarse doutra especie que está a meterlles o medo no corpo con actuacións ás veces irresponsabeis. Falamos do cazador domingueiro.
Por iso non é de estranar que de aquí a uns anos algunhas zonas da provincia de Lugo acaben convertidas en reservas de caza ou en parques naturais nos que a especie humana só será visible en forma de turistas de todoterreo. Claro que estes amantes da natureza tampouco poderán nin siquiera aloxarse en hoteis ou albergues, pois as poucas instalacións que ata agora había como a do Club Ancares ubicada en Degrada está pechada logo de que ninguén se queira facer cargo do seu mantemento.
Este mesmo verán estiven nese albergue logo de 25 anos de  visitalo por primeira vez e a pesares de ter unha situación privilexiada, moi preto do famoso pico Tres Bispos, puiden comprobar como a falta de interés por sacarlle partido a unha riqueza natural como son os montes de Lugo pode acabar por facer esmorecer a toda unha comarca.
En definitiva, seica voz xa se correu entre toda a fauna da Cordilleira Cantábrica e xa son moitos os animais que están camiño deste novo santuario para a ecoloxía. Os amantes da natureza seguro que celebran esta nova, pero haberá quen algún día se lamente por exemplo de que ardan os montes por falta de mantemento, de que non haxa nenos para manter abertas as escolas rurais ou de que os maiores teñan que marchar das súas casas por falta de servizos de asistencia. Daquela Lugo será só noticia para a ‘National Geographic’.

Parque natural dos Ancares

Domingo, 8 de Xuño, 2008

Tiña só 14 anos cando na compaña de dous amigos nos aventuramos a pasar unha semana de verán percorrendo a pé os picos dos Ancares. Daquela as referencias que tiña sobre o que está considerado un dos ecosistemas mellor conservados de Europa non pasaban do lido en libros sobre unha forma de vida en pallozas que se asemellaba á dos antiguos moradores dos castros. Pero unha vez alí descubrimos ata que punto a natureza ten agochadas sorpresas para os sentidos e como aquela experiencia vital acaba por facerlle a un comprender a importancia de preservar estes espazos onde debe ser o home quen se adapte ao entorno sen tentar transformalo.
Agora un anuncio da Consellería de Medio Ambiente para convertir estes montes en parque natural levantou as protestas dalgúns veciños, que ven unha ameaza nas medidas proteccionistas que traerá a catalogación. Os máis alarmistas falan de que a especie en extinción acabará sendo o ser humano e nunha reunión celebrada en Navia de Suarna unha avogada asegurou que non haberá compensacións para os propietarios afectados nin subvencións. Por contra, o conselleiro de Medio Ambiente prometeu que a medida virá acompañada dun investimento importante para mellorar as condicións de vida dos habitantes e dixo que a declaración como parque natural suporá un alicerce para o desenvolvemento económico dos veciños dos Ancares.
Pero se uns e outros se cren en posesión da verdade, como soe pasar en todas as polémicas, resulta chamativo o argumento dalgúns voceiros veciñais que plantexan que o proxecto de preservar este espazo só debe ser decidido se o aceptan os seus habitantes, explicando que Os Ancares non son de todos os galegos, senón dos poboadores de Cervantes e Navia. Vamos que se por exemplo os lucenses deciden en asamblea derrubar a muralla para facer dous carrís máis na Ronda o resto do mundo deberían aceptalo porque aínda que é Patrimonio da Humanidade, os auténticos propietarios son os veciños de Lugo.
Ao final seguramente se imporá a razón e Os Ancares serán algún día parque natural e se cadra co tempo se convirta no segundo parque nacional de Galicia, xunto co das Illas Atlánticas. E tamén pode que eses que hoxendía se lamentan do que poden perder co proxecto acaben reconvertidos en empresarios aproveitando o tirón turístico que supón unha declaración deste tipo. Eso si, a polémica fíxome acordarme daquela apaixoante aventura de adolescente e facerme anotar na axenda unha próxima escapada ata eses montes nos que descubrín a beleza creativa da natureza.