Posts etiquetados ‘Ana Mato’

A crise

Mércores, 22 de Outubro, 2014

No país das contradicións que é España, onde malia ser deporte nacional o chupeteo vai á quebra unha fábrica de piruletas, unha muller á que algúns atrevidos deron por morta logrou superar unha enfermidade tan descoñecida como o ébola grazas á sanidade pública que o Goberno quere privatizar.

Malia que aínda tardarán días en darlle a alta a Teresa Romero, seguro que tardará menos tempo en apuntarse o tanto da curación esa ministra de Sanidade que durante unhas semanas axudou a desatar o pánico entre a poboación, coa axuda do xornalismo máis tendencioso.

Non é esta a primeira nin será a última das crises sanitarias que vai vivir un país que sae flote porque semella inmergullable, pero en canto se consiga superar esta —e coido que así será porque xa está o ianqui niso—, o primeiro que habería que prantexarse é a existencia dun ministerio que, logo do traspaso de competencias sanitarias ás autonomías, non é capaz de asumir a única tarefa intrasferible, a coordinación en situacións de emerxencia.

Ana Mato acusou hai uns días á oposición de facer política na fase crítica do contaxio de ébola de Teresa Romero. Agora que sabemos que a enfermidade pode ser tan mortífera é ao mesmo tempo tan superable como unha gripe, sería logo o momento de facer política coa xestión dun problema levado sen xeito desde o principio e pedirlle á ministra que, por favor, marche para a casa.

Teresa Romero, coa primeira vítima do caos sanitario

Deitarse

Mércores, 12 de Marzo, 2014

Ana Mato, coroada

Pode que un ministerio tan descapitalizado como o de Sanidad non precise de especialistas na materia e se cadra por iso as últimas adxudicatarias da carteira se teñen caracterizado por meter a zoca cando se trata de dar consellos á poboación.

Xa o fixera a popular Celia Villalobos cando, en plena crise polas vacas tolas, dixo que aquelo era un problema de saúde animal, mentres encabronaba ao sector gandeiro ao recomendar que non se comensen osos de vacún. Tivo dignas sucesoras, como a socialista Trinidad Jiménez, quen tras calificar de esaxeración a epidemia de gripe A, meses despois gastou unha millonada en vacinas que logo non se usaron.

E iso por non falar de Leire Pajín, que tamén tivo deslices á hora de afrontar a crise do pepino, á que non lle deu importancia a pesar de que a UE estivo a punto de cargarse o sector. Pero se hai una ministra que se está a gañar o atributo de floreiro, esa é Ana Mato, quen logo de ter sido arroupada por Rajoy tras coñecerse a súa conexión coa trama Gürtel, reaparece agora para pedirlle ás televisións que pechen antes os programas prime time e aos españois, que se deiten antes. Foi a aportación máis destacable da ministra nos últimos meses, malia que un compañeiro de gabinete estea a impulsar unha nova lei do aborto que atenta contra o dereito á saúde das mulleres e dos fillos con malforacións que poden chegar a ter. Señora Mato, pois vaia deitarse vostede e mellor non se levante.