O buscón
Mércores, 19 de Febreiro, 2014Hai xente que pensa que ten un don divino para poñerlle alcumes aos demais e por iso non pode conterse de bautizar a calquera que se lle cruce no camiño, malia que moitas veces a broma raie a ofensa. Eses listiños da clase que durante a súa etapa escolar practicaron sen sabelo o ‘bulling’, chegaron ao mundo laboral cos mesmos desexos irrefrenables de caricaturizar a xefes, subordinados ou a quen no lle fixese a ola ao seu paso.
O sumario da operación Pokemon descubriunos unha desas personaxes con áceda invectiva, da que fan ostentación diante dos que, pese a que saben que tamén son vítimas da mofa, rin condescendentemente. Porque o tal José María Tutor, delegado de Vendex en Galicia e conseguidor de contratos públicos a base de galanos de varias categorías, semella ser unha especie de buscón no que Quevedo, de vivir hoxe en día, ben se podería inspirar para escribir unha nova saga de novelas picarescas.
Casacomidas, Cachas Negras, El Birollo, Ojo de Lince, Dios, El Pulpo, Pijolandia, La Listilla, Takchenko, Reguetón ou El Bigotes son solo algúns dos alcumes que lles puxo a todos aqueles cos que tratou e dos que se serviu para tecer esa presunta rede extorsionadora que investiga Pilar de Lara. «¿Quién ponía los motes?», preguntoulle a xuíza no interrogatorio.
Non contestou, se cadra porque nese intre de risa nervosa ata lle estaba a buscar alcume á maxistrada.