Posts etiquetados ‘abdicación’

Vermello

Xoves, 5 de Xuño, 2014
Mal que nos pese aos que nos gustaría poder decidir antes de quedar sen pelo quen queremos que nos rexa, porque somos unha xeración á que nunca nos deron esa oportunidade, non nos queda outra que apeitar co que nos vén e mentres se nos vai aplicando a vaselina o mellor que podemos facer é tararear as marchas militares, gabarnos diante dos veciños con presidente de república do bo mozo que vai ser o noso xefe de estado ou debatir sobre a cor que debe usar para o vestido de coroación a nosa raíña plebea.
Como sociedade amoada por unha convulsa historia que somos, temos ben asumido que as cousas ou se mudan á brava ou se deixan correr, e iso último semella ser o que pensan agora mesmo esa gran maioría silenciosa que mira coa mesma inercia indolente os comentarios dos expertos palanganeiros que as protestas na rúa dos que piden una consulta popular.
«Non é o momento», din sen convencemento os voceiros desa España que segue a ter medo ás mudanzas, porque sempre se perde algo na trasfega. Fronte a eles asoma un movemento desorganizado desde as redes sociais ao que colleu a contrapé unha abdicación e unha conseguinte sucesión sobre a que apenas quedará tempo para debatir, porque os que poderían abrir ese melón non queren. Así que postos a opinar, seica o vermello mundialista sería a cor que mellor lle vai quedar nas fotos do papel cuché á futura maxestade.

A futura raíña, en foto oficial