Posts etiquetados ‘A Gudiña’

El mosén

Mércores, 15 de Xuño, 2011
Estráname que o Bispado de Ourense se opoña á participación en política dun dos seus subordinados, o cura Antonio Fernández Blanco, que acaba de ser elixido concelleiro do PSOE na Gudiña, porque se hai algo que fixo a Igrexa ao longo da súa historia é influír nos gobernos e ata detentar cargos públicos. E aínda que o Dereito Canónico aplicado ao extremo prohibe o acceso ao poder civil dos servos de Deus, déronse e danse exemplos de membros do clero que ocupan concellerías ou alcaldías coa autorización expresa do seu bispo.
Claro que o problema do cura ourensán é terse decantado por un partido co que a elite eclesiástica só quere falar cando se trata de repartir fondos do Concordato co Vaticano e que se dedica a aprobar leis que atentan contra a doutrina ultracatolica que intentan impoñer en todo o negociado.
Por tanto, a Fernández Blanco o que lle queda é acatar ordes ou emular a Lluís María Xirinacs, que colgou os hábitos para combater as inxustizas desde a tribuna da Cámara Alta, na cal só chegou a ser interrompido durante a Transición polas flatulencias do entón senador Camilo José Cela, quen tras a sonora descarga lle espetou aquela famosa frase: «Prosiga mosén, prosiga».