Beiras
Mércores, 17 de Outubro, 2012Aos seus 76 anos e cando todo o mundo daba por amortizada a súa contribución á revitalización do nacionalismo galego de esquerdas, Beiras converteuse no protagonista da campaña. E non só por declaracións saídas de ton como as escoitadas no abarrotado salón do actos do IES Lucus Augusti da capital luguesa, nas que aseguraba que a política sanitaria de Feijóo “está matando máis xente ca ningún grupo terrorista do Estado español”, senón porque parece dar un envorco ás enquisas, rabuñando votos entre PSOE e BNG, e mobilizando esa masa indignada que desde hai meses pide na rúa un cambio nas políticas.
O furacán Beiras que conseguira colocar ao BNG como segunda forza galega durante o fraguismo, aínda que logo renunciou a participar no primeiro Goberno galego con presenza do seu partido, ameaza agora o establishment da política galega axudado dunha EU que podería aproveitarse do efecto sorpresa para asentarse nun escenario no que sempre tivo un papel máis ben marxinal. A estas alturas, nada está claro nesta convocatoria electoral, aínda que o que parece case seguro é que na próxima lexislatura, o Parlamento galego recuperará con Beiras o debate apaixonado e o esplendor diálectico que tivo con Vázquez Portomeñe, Barreiro Rivas, Cortizo ou Guerreiro. Que se preparen os oradores.