Unión fronte ao invasor
Domingo, 4 de Maio, 2008Nesta España polilingüística e polinacional un dos episodios que máis uniu aos seus habitantes é o levantamento contra os franceses dous de maio de 1808, que deu inicio a unha Guerra da Independencia trala que tampouco chegaron tempos dourados para os españois, coa instauración dunha monarquía absolutista. Aquel día de cólera, como recorda Arturo Pérez Reverte no seu libro publicado ‘ad hoc’, os que salvaron o país non foron os doctos, senón os ignorantes, o vulgo farto da arrogancia dun exército invasor, que trataba como lixo ao pobo, mentres se gababan de ser garante da liberdade, a igualdade e a fraternidade.
Aquela revolta duramente reprimida e que tan xenialmente retratou Goya tamén chegou a Galicia e a Lugo, onde ingleses e franceses libraron algunha batalla usando a romana muralla como baluarte, e dende onde incluso o lexendario xeneral John Moore dirixía a defensa da cidade.
A posterior ocupación francesa e rapiña da escasa riqueza que había no Lugo dos inicios do século XIX, ao igual que se fi xo no resto de cidades, foi sen dúbida o grande erro dos exércitos de Napoleón, que acabaron por enxendrar un odio visceral do pobo hacia os veciños galos e, o que foi peor, contra aqueles españois chamados afrancesados, que tentaron construír unha revolución dende os ateneos e sen contar co pobo iletrado.
Douscentos anos despois resulta cando menos anecdótico que unha comunidade xa multirracial como Madrid celebre con tanta vehemencia e espíritu patriótico aquela data, tendo en conta que dende aquela moitos outros sucesos influíron na España de hoxe e na súa relación con países irmáns dentro da UE como Francia. Pero seica que como diciamos ao principio cómpre furgar ben na historia para atopar momentos nos que os españois do norte, o centro e o sur fixeron causa común.
A falta de heroes como Daoíz e Velarde, a España que hoxe conmemora o bicentenario da revolta contra o invasor gabacho e, máis en concreto os dous principais partidos, andan tamén na procura de símbolos para vertebrar un país que, porén, semella máis preocupado pola crise económica ou polos problemas cotiáns que por atoparse a si mesmo na historia.
O sentimento de rebeldía de hai dous séculos tamén chegou máis pola escaseza que por motivacións políticas, e o erro que cometeron os franceses daquela foi pensar que a man dura sería dabondo para manter a orde.
Hoxendía os gobernantes tamén se equivocan cando pensan que as nacións se constrúen con bandeiras e escudos, sen decatarse que o máis importante para a xente é vivir sen máis dúbidas que a de elexir que película ou partido ver pola noite.