Posts etiquetados ‘1-M’

A aposta popular

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Finalmente unha muller popular voltará a encabezar a candidatura por Lugo para unhas eleccións autonómicas, aínda que o PP preferiu tirar de fondo de armario en lugar de buscar moda ‘pret-a-portet’. A alcaldesa de Sober Raquel Arias será a cabeza de cartel fronte a socialistas e nacionalistas, que manteñen dous carismáticos conselleiros que durante este mandato apenas tiveron problemas posto que os seus departamentos teñen suficiente efectivo para contentar a todos os sectores. Claro que os votos non se gañan nos despachos e é na rúa ou mesmo nas corredoiras desta quilométrica provincia onde haberá que ir sumando apoios, e nese contexto é se cadra onde os populares están aínda dous pasos por diante dos seus rivais.
Xornalista de formación, pero case unha profesional da política polos anos que leva embarcada na nave popular, Arias xa acumula algo de experiencia parlamentaria, logo da súa elección como deputada no Congreso nas últimas eleccións xerais. Agora o seu protagonismo será maior, ben nun futuro Goberno encabezado por Alberto Núñez Feijoo ben na oposición a un novo bipartito. De momento, o seu obxectivo será manter os oito escanos por Lugo acadados no ano 2005 e rachar así coa vaga de resultados negativos que os populares lugueses acumulan desde a saída de Francisco Cacharro da presidencia do partido.
No resto de provincias galegas, o PPdeG tamén quixo sorprender cunha lista renovada polas cabeceiras, sendo a fichaxe do chairego Luis Carrera Pásaro a máis chamativa. O que fora último director xeral de Caixa Ourense antes da fusión coas caixas de Vigo e Pontevedra é a baza que presenta Núñez Feijoo para aportar ideas fronte a unha crise que o propio ministro Pedro Solbes admite que vai a afondar aínda máis durante este ano.  Hai quen o compara coa incorporación de Manuel Pizarro á lista de Mariano Rajoy e pola relevancia do personaxe poida que en caso de fracaso do proxecto popular acabe marchando para a casa en lugar de aguantar catro anos na oposición. Aínda así, de momento é un dos valores á alza na política galega e por iso o presidente de PPdeG pode presumir de ter fichado un ‘crack’ para o seu plantel.
En canto ó coruñés Carlos Negreira, a aposta dos populares basease no seu tirón na cidade herculina. Elexido o pasado ano como presidente do partido na provincia, en substitución do ex alcalde ferrolán Juan Juncal, semella ter o apoio casi unánime do seus compañeiros logo de etapas convulsas no partido coruñés. Eso si, neste tipo de eleccións os que importan son candidatos a presidir a Xunta, así que Núñez Feijoo, por moi ben que se acompañe, será o que teña que dar o do de peito o vindeiro 1-M.