Mr. López

11 de Febreiro , 2015
Din que ao CD Lugo lle pasou por diante dos fuciños a toda velocidade un fórmula un que nin deu tempo a ver, pilotado por un tal míster López que, como na película de Berlanga, prometía cambiar as vidas dos protagonistas. Pero como por estas estradas nosas de grava e xeada córrese mellor en perolos tuneados, ao patrón do equipo Lotus e aos seus patrocinados saíulles un competidor de última hora para animar a competición que, como na carreira da lebre e a tartaruga, cruzou a meta por diante aproveitando que o rival no lle dera a importancia debida.
E como a derrota é máis difícil de dixerir canto menos esperada é, míster López e a súa escudería parece que van pasar de largo por Lugo, deixando na parroquia unha sensación entre a decepción e o alivio ao ver o rápido que se desmontou o teatrillo.
Non é a primeira vez nin será a última que vemos pasar pola porta en Lugo vendedores de ilusións que se esvaecen como a néboa do Miño a mediodía e por iso non nos sorprende que Mr. López xa non queira nada cunha cidade que ousou enfrontar un perolo co seu fórmula un.
Menos mal que o luguiño, afeito como está a sacar puntos fronte aos rivais fachendosos, segue a vivir o seu soño de competir cos grandes orzamentos do fútbol cun proxecto modesto que, malia estar cada temporada no aramio, pode gabarse de non deberlle nada a ninguén.

A feira

4 de Febreiro , 2015
Se cadra moitos coma min pensaban que nunha cidade que durante séculos e ata antonte estivo controlada polos bispos e que se gaba de ter a única catedral onde está exposto permanentemente o santísimo sacramento ía desatarse unha polémica relixiosa pola celebración dun salón erótico onde tamén haberá exposición permanente de carne e fieis fitando cara os altares do pecado capital que máis cartos xera nos nosos días.
Pero nada diso, porque de momento só coñecemos o comunicado dun traballador social que compara o evento cunha feira onde a muller se presenta como mercadoría, mentres nas rúas tampouco se palpa moito morbo polo evento, se cadra porque Pandora e o seu can xa deixaron vacinados hai dúas décadas aos lugueses máis veteranos contra calquera sorpresa sexual, mentres que os mozos teñen agora na rede todo canto un se pode imaxinar e máis.
Será por iso que nin sequera se chegou a cuestionar, como ocorrera hai tres anos en Ferrol ou en Xixón, o uso dunha instalación pública como é o Pazo de Feiras para acoller un evento deste tipo, e que nos casos citados levou ás institucións a anular os eventos. Aquí en Lugo, desde os tempos en que María Alvarado poñía o grito no ceo polas rapazas que saían lixeiras de roupa na portada de La Hoja del Lunes, xa ninguén lle pon pegas ás cerimonias de exaltación do sexo, e menos cando ameaza neve.

O espello

28 de Xaneiro , 2015
Non me sinto moi capacitado para opinar dun país que non coñezo, por moito que se teña falado del desde que se extendera pola Europa rica a idea de que os seus poboadores viviran do conto. Pero aínda que non son grego, recibo con sorpresa e admiración os resultados dunhas eleccións nas que unha maioría de cidadáns afogados polas políticas de austeridade impostas deron un golpe na mesa do poder económico e xeopolítico a sabendas de que é un órdago con poucas probabilidades de gañarlle a partida á Troika.
E se hai algo que me chama a atención ademais do triunfo de Syriza é o seu pacto cos conservadores independentes nada máis gañar as eleccións, e que deixa descolocados a todos os que aínda miden a política entre forzas de esquerdas e dereitas. Porque esa catalogación esmorece do mesmo xeito que esas vellas siglas e os seus líderes, que aínda non se decataron de que a maioría dos cidadáns xa non se move por sentimentos, cores ou bandeiras, senón que busca dirixentes que non os tomen por carneiros, que lles solucionen os problemas e que o fagan xa.
España, que non se fixaba tanto nunha votación de Grecia desde que nos daban os doce puntos en Eurovisión, mirouse agora no espello heleno á espera de que ese señor que anda a pedir grazas polas portas convoque eleccións. E claro que aquí non somos gregos e só arriscamos ata que a auga chega ao pescozo. Pero fatos tampouco somos, oia.

O electricista

22 de Xaneiro , 2015
O dono dun restaurante da Lanzada onde acostumaba ir o electricista da catedral de Santiago contoume que a personalidade do personaxe que estes días é portada dos diarios galegos xa lle facía intuír que o desaparecido Códice Calixtino non podía estar noutro sitio que non coñecese Manuel Fernández Castiñeiras. O hostaleiro conta que mesmo cando saía no telexornal algunha nova sobre o suceso, bromeaba con el dicíndolle que xa lle valía, que o entregase, mentres o electrictista agochaba a cabeza coa mesma pose penitencial que presenta agora diante das cámaras no xuízo.
Daquela os investigadores xa tiñan pistas suficientes para intuír que o Códice fora agochado polo electrista, aínda que foi o rexistro na súa casa o que deu co valioso libro e cunha cantidade de cartos difícil de xuntar nunha vida cun traballo dese tipo. Castiñeiras confesou entón diante do xuíz Taín, quen usou o eco mediático do caso para cubrirse de fama e mesmo iniciar carreira literaria. Pero o electricista di agora no xuízo que declarara baixo presión e basea a súa defensa na anulación das probas, algunhas delas obtidas de xeito peliculeiro pero nada procedemental, como a instalación de micrófonos no domicilio do acusado.
A diferencia dos investigadores, Castiñeiras para nada dá o perfil de protagonista dunha película de ladróns de arte ou bens culturais e, como moito, a súa historia podería valer como secuela da Pantera Rosa.

‘Je suis’

15 de Xaneiro , 2015
Ao igual que ocorreu tralo 11-S e o 11-M, as chilabas e os hiyab non pasan estes días desapercibidos polas rúas das nosas cidades occidentais. A barbarie que practican uns fanáticos iluminados que interpretan o libro sagrado mulsulmán como se dun manual do terror se tratase, voltou estimagtizar a todos cantos pertencen a esa cultura e relixión milenarias, malia que a gran maioría só busque vivir con dignidade nesa Europa da diversidade.
Porque o ataque contra a revista Charlie Hebdo non foi só un atentado contra á liberdade de expresión, senón un xeito de enfrontar cidadáns que en moitos casos teñen a mesma desgraza de estar a vivir penalidades para saír adiante.
Non olvidemos que a comunidade musulmá en Europa é unha das máis castigadas pola crise, a que ten máis dificultades para acceder a empregos e a que sofre máis discriminación, un caldo de cultivo para que os grupos extremistas capten mozos, lles laven o cerebro e os empurren cara o abismo.
Eu tamén son Charlie Hebdo, por suposto, porque aínda que poida considerar máis ou menos atrevido ese xeito de ridiculizar aos fanáticos, defendo o dereito a expresarse libremente. Pero tamén son Abdul, Haifa, Mohamed ou cada un deses mozos que non cre na violencia como xeito de esixir igualdade de oportunidades e que, como calquera, ten dereito a vestir e vivir conforme as súas crenzas.

Bilingües

19 de Decembro , 2014

Galicia Bilingüe debe estar de noraboa, como diría o director de Canal 24 Horas, porque segundo unha enquisa do Instituto Galego de Estatística, o 75% do rapaces de menos de 15 anos usa sempre o castelán, ese idioma que os dirixentes desa asociación consideraban ameazado en Galicia pola «imposición» do galego no ensino.

As proxeccións que fan algúns expertos din que dentro de 30 anos só falará o galego de xeito habitual un de cada catro habitantes da comunidade, malia que pode que esta conxetura sexa tan alarmista como as advertencias feitas no seu día pola presidenta do mentado colectivo para meterlle presión á Xunta. Porque ocorre que coa entrada na madurez, un vaille collendo cariño ao propio e un idioma que lles serviu para expresarse aos nosos devanceiros acaba sendo tan valorado como esa finquiña herdada dos avós, que malia que non lle saquemos proveito, nunca nos desafaremos dela.

Agora que a preocupación da maioría dos cidadáns pasa por saír adiante no medio desta crise e a cuestión do idioma é considerada como algo menor, o único que nos queda aos bilingües é tentar facer cada día algo a prol do galego, usándoo para aquelo tan habitual como pedir un café, preguntar cantó é no súper ou mandar unha mensaxe por whatsapp, uns xestos tan pequenos como os que facemos cada vez que reciclamos o lixo, pero que deben axudar a rachas estatísticas e acalar mentireiros.

Gaiolas

12 de Decembro , 2014

Que devolvan a pasta igual que lles caian dous, catro ou seis anos de cadea, porque moitos desos personaxes que estamos vendo desfilar polos xulgados e os que xa están durmindo á sombra, cando cumplan a condea non van ter problema para recuperar o nivel de vida e darse os louxos das elites, grazas aos cartos do fardelo que teñen nos paraísos fiscais.

A Infanta Cristina xa pediu facer efectivos os 600.000 euros que ese benevolente fiscal lle pide que devolva, pero o que lle viría ben a esas comunidades autónomas saqueadas como foron Valencia e Baleares é que tanto Iñaki Urdangarín como o seu exsocio Diego Torres e o resto de acusados do caso Nóos reintegrasen, xa non todo o que dilapidaron, senón o que lle quitaron ao erario público.

E tanto do mesmo para o resto de responsables doutros casos de corrupción, chámese Bankia, Eres, Gurtel, Púnica, Malaya ou Pujol, que segundo se calcula teñen defraudado xa uns 9.500 millóns de euros, cos que se podería financiar durante un ano á Xunta de Galicia.

Moitos deses cartos foron para pagar a festa que se viviu na década pasada, pero tamén houbo quen os gardou ou transferiu a testaferros para asegurarse o futuro deles e os seus. Pois está claro que se hai algo que lles pode doer aos corruptos é buscarlles ata o último euro alá onde o teñan agochado. Unha vez se lles quite, enfrontarse ao día a día a peito descuberto como millóns de familias será a súa gaiola máis terrible.

Artigo 135

27 de Novembro , 2014

Aquel pacto entre Zapatero e Rajoy de agosto de 2011, con media España de vacacións, para reformar o artigo 135 da Constitución e adaptalo ás esixencias do BCE e á canciller Merkel acabou por dinamitar os apelidos de socialista e obreiro que o PSOE de Zapatero tentara recuperar logo de que Felipe González os tirase directamente ao lixo dúas décadas antes.

Foi toda unha demostración de inoperancia política diante dun momento crítico no que se necesitaban dirixentes con carácter. Zapatero arrastrou canda el a todo o seu partido e entregoulle o poder a un PP que xa tiña claro dende facía tempo que o plan de acción era o trazado polos mesmos que mandaran facer pulir a nosa Carta Magna, malia que o tivo agochado ata que gañou as eleccións.

Tres anos despois daquela desfeita, o novo líder do PSOE, Pedro Sánchez, que tamén amosara daquela ter boas tragadeiras, admite agora como un «error» aquel voto e por iso anuncia un acto de contrición hoxe no Congreso dando o seu apoio a unha iniciativa de Izquierda Plural para volver o artigo 135 ao seu sitio.

Que os socialistas comecen a admitir erros, malia que tiveran que pasar tres anos, demostra que sinten moi preto o alento de movementos como Podemos, xurdidos precisamente para denunciar a mansedume da clase política dirixente cos que nos dictan, como dicía Santa Teresa, cando toca perdiz e cando oración.

Á présa

25 de Novembro , 2014

Unha sociedade que quere vivir tan á présa semella que non está a disfrutar o presente. Senón que alguén me explique por que a finais de outubro xa comenzan a instalarse alumeados navideños e a ofrecernos a lotaría, en Nadal anúncianos ofertas de cruceiros de vacacións, en primavera non paran de pasarnos imaxes dos primeiros bañistas en Benidorm e no verán colócanos coleccionables e maquetas imposibles para armar nas horas mortas dos días de frío.

Son só exemplos dunha cultura consumista que nos inculcaron aos da miña xeración e as sucesivas e que aceptamos sen miramentos ata que se nos botou enriba hai seis anos unha crise económica que tamén nos fixo reflexionar sobre o que é verdadeiramente importante.

Porque se é certo que algún día vivimos por enriba das nosas posibilidades, agora dános a impresión de que foi en diferido, que diría Cospedal, e cando nos ía tocar a quenda de meterlle o dente ao xamón pata negra atopamos con que só nos deixaron o óso para facer o caldo. E por enriba, esa obsolescencia programada que nos obriga a cambiar a neveira, o coche ou o móbil cada poucos anos estalles a xerar problemas as unhas familias que xa nin queren ver as ofertas do súper no seu buzón.

Din os expertos en economía que a mellor forma de saír dunha crise e fomentando o consumo. Vale, pero que polo menos nos deixen chupar en paz o xelado antes de que se derreta.

Latrocinio

5 de Novembro , 2014

Non tería por que estranarnos que a corrupción estea tan enquistada nun país onde as empresas enerxéticas ou telefónicas tratan de enganar a diario aos seus clientes nas facturas mentres miran cara outro lado eses gobernantes que saben que calquera día poden acabar nun consello de administración desas compañías.

Unha organización de consumidores acaba de denunciar un alarmarte incremento das reclamacións relacionadas con erros na facturación eléctrica, nalgúns casos con subas de ata 3.000 euros que, en caso de non ser aboadas, supoñen o inmediato corte do subministro. Piden ao Ministerio de Industria reformas legais para evitar estes supostos erros, que mesmo afectan á propia administración. De feito, entidades como o Concello de Lugo vense obrigadas a revisar polo miúdo as facturas, porque todos os meses atopan desfases.

Un Estado preocupado polas súas institucións e os seus cidadáns non permitiría estas prácticas abusivas das empresas que ofrecen servizos básicos e o lóxico sería que fosen sancionadas aquelas compañías onde os erros na facturación fosen habituais, porque eses céntimos ou euros que lles van rabuñando aos clientes convírtense a final de ano nun volume de beneficio millonario. Se cadra o correctivo contra estas empresas terá que chegar desde Bruxelas, porque de momento nin o Goberno central nin os autonómicos están polo labor de acabar con este latrocinio.