Doado
Xa o dicía Jordi Évole durante a promoción dunha entrevista que lle fixo ao líder de Podemos. Preguntábanlle ao intrépido reporteiro que estratexia terían que seguir os dirixentes desta emerxente formación para gañar as vindeiras eleccións xerais. «Puesnada, esperar, porque los otros ya lo están haciendo todo», respostou.
Seguro que Podemos e todas esas siglas que están xerminando a conta do proceso de putrefacción que viven PP e PSOE, por culpa desa restra de chourizos que foron acubillando, poderían sentarse á porta da casa a ver pasar o cadáver do inimigo, aínda que coñecendo a capacidade de reacción dos partidos da «casta» seguro que ningún quedará quieto. De feito, as alarmas están soando a todo meter nesa sede de Génova arranxada coa caixa b, xa que Mariano Rajoy volveu pedir perdón no Senado logo de telo feito hai un ano polo caso Bárcenas. No PSOE tampouco poden falar moi alto, porque teñen moito lixo aínda que barrer, ao igual que en CiU, polo que a sangría de votos que poden sufrir todos a conta da corrupción consentida aínda non se sabe as cotas que alcanzará.
De aquí nun ano, cando toca convocar eleccións, poden pasar moitas cousas, mesmo ata mellorar una situación económica que se di que en décadas non voltará ser a de hai uns anos. Agora ben, os rivais de Rajoy teñen claro que, como lle pasou a él con Zapatero, só poden esperar que llelo poñan cada vez máis doado.
Tags: Corrupción, Podemos, PP, Rajoy