Dous pujoles
Sen ánimo de inmiscirme na cacería ao expresident catalán, que como contribuínte indignado apoio como o que máis, si que penso que sería razoable separar ao Pujol político do chourizo, malia que de non ter chegado a dirixir máis de dúas décadas unha das comunidades autónomas con máis orzamento, a usura que se lle presume non lle tería dado o mesmo rendimento que na esfera privada.
E digo esto porque se temos que revisar a traxectoria vital de Jordi Pujol atopamos a un político comprometido na loita antifranquista e convencido de que a autodeterminación dos pobos é un dereito inalienable. Coa súa visión de estadista foi capaz de presionar aos pilotos da Transición para configurar un estado autonómico e a súa influencia en Europa quedou demostrada cando en 1992 lle virlou sen pestenexar a Manuel Fraga a presidencia da Asamblea de Rexións en Santiago, simplemente confrontando currículums.
Claro que aínda que no plano político, gran parte da traxectoria do León de Vilalba está ligada a un réxime dictatorial, no persoal, que se saiba, don Manuel semella que tivo máis ambición de poder que de riqueza, ata o punto de que pouco máis deixou aos herdeiros que un chalé en Perbes que non dan vendido.
O cidadán Pujol di que vai comparecer no Parlament para dar explicacións. Non creo que fixese falta, porque onde teñen que falar os defraudadores é diante dun xuíz.
Tags: chourizo, defraudador, Fraga, Pujol