Conspiracións
O que máis me fai dubidar das teorías conspirativas é que só se centran en acontecementos relevantes e non nas pequenas cousas que nos ocorren a diario como, por exemplo, que se nos morra o móbil, perdamos o último bus ou nos poñan unha multa de tráfico. Porque se cadra tamén detrás desas vicisitudes podería ter estado un lobby de fabricantes de teléfonos, que decide que xa é hora de que merquemos a última versión de smartphone; a asociación de taxistas, para que demandemos un servizo, ou os directivos da DXT, que tentan cadrar as contas do último mes.
Seica estas minucias non dan para tanta literatura como a que se ten escrito sobre supostas conspiracións como que a Nasa agocha desde hai décadas restos de extraterrestres, que Elvis aínda vive e mesmo fai voces no novo disco de Michael Jackson ou que o primo de Rajoy sabe que iso do quencemento global é unha farolada. Sen embargo, se hoxe en día hai posibilidades de que nos controlen vía internet, GPS ou por videovixianza, a ver por que logo non ía ser verdade que houbese un comité de malos malóns con capacidade para poñernos pedras no camiño cando lles pete.
Nai que os botou! Acábaseme de queimar a comida mentres escribía. Seguro que o gremio de hostaleiros local está detrás, porque vou ter que ir de menú do día. Bueno, igual estoume pasando, non vaia ser que algún pense que estou a soldo do clube Bilderberg.
Tags: Bilderberg, conspiración, Elvis, Michael Jackson
8 de Maio , 2014 - 13:19 pm
Por el título creí que ibas a hablar de la “libertad”de prensa en España.Hasta Rivera se queja.Por morro que no quede.