Deitarse
Pode que un ministerio tan descapitalizado como o de Sanidad non precise de especialistas na materia e se cadra por iso as últimas adxudicatarias da carteira se teñen caracterizado por meter a zoca cando se trata de dar consellos á poboación.
Xa o fixera a popular Celia Villalobos cando, en plena crise polas vacas tolas, dixo que aquelo era un problema de saúde animal, mentres encabronaba ao sector gandeiro ao recomendar que non se comensen osos de vacún. Tivo dignas sucesoras, como a socialista Trinidad Jiménez, quen tras calificar de esaxeración a epidemia de gripe A, meses despois gastou unha millonada en vacinas que logo non se usaron.
E iso por non falar de Leire Pajín, que tamén tivo deslices á hora de afrontar a crise do pepino, á que non lle deu importancia a pesar de que a UE estivo a punto de cargarse o sector. Pero se hai una ministra que se está a gañar o atributo de floreiro, esa é Ana Mato, quen logo de ter sido arroupada por Rajoy tras coñecerse a súa conexión coa trama Gürtel, reaparece agora para pedirlle ás televisións que pechen antes os programas prime time e aos españois, que se deiten antes. Foi a aportación máis destacable da ministra nos últimos meses, malia que un compañeiro de gabinete estea a impulsar unha nova lei do aborto que atenta contra o dereito á saúde das mulleres e dos fillos con malforacións que poden chegar a ter. Señora Mato, pois vaia deitarse vostede e mellor non se levante.