O escano
Entendo perfectamente a postura da ourensana Carmen Iglesias, unha militante histórica do PCE que pensou que o Gordo de Nadal lle chegara por adiantado e fixo as contas cando soubo que o deputado de Age David Fernández Calviño lle ía deixar o escano no Parlamento de Galicia. Por que renunciar a este premio e deixarllo á terceira da lista por Ourense, cando ela mesma se ve perfectamente capacitada para defender esa idea de sociedade que os líderes de EU e Anova pactaron ás presas nunhas tardes no café.
O caso é que a actitude da díscola candidata comunista fixo aflorar nunha coalición que foi quen de poñerles as pilas aos dous principais partidos da esquerda en Galicia a contradición de se vai primeiro o reparto de postos ou a acción política, e que fai temer que o matrimonio pode acabar máis cedo que tarde nunha amistosa separación de bens. Porque EU e Anova deberían tomar xa unha decisión sobre o escano a tempo parcial que agora ocupa o deputado emigrado en Dinamarca, xa que cada día que pasa sen poñerlle fin ao esperpento, máis corre o risco Age de acabar nos libros de Historia como a anécdota política daquela década de crise.
E a Carmen Iglesias, máis que deportala ao grupo mixto, onde podería ter minutos para convertirse nun fenómeno do tipo Rosa Díez, deberían aupala á Mesa do Parlamento, que é onde acaban os deputados máis preocupados pola nómina.