Memoria
O membro do Poum José Ramos dicíalle ao alcalde republicano de Lugo, José Lamas, nunha carta pouco antes de morrer fusilado: «Cando poidades, facédenos xustiza». Recordar aos que morreron por non querer mudar de ideais debería de ser o mínimo acto de homenaxe que lle pode facer unha provincia ás máis de 8.000 persoas que padeceron a represión posterior ao golpe militar de Franco de 1936, por moi lonxe que se nos antollen aqueles anos do século pasado.
En Xapón recordan cada ano con badaladas ás vítimas das bombas de Hiroshima e Nagasaki, o mesmo que fan os xudeos de todo o mundo cos asasinados polos nazis cada Yom Hasoá ou Día do Holocausto.
En Lugo hay unha asignatura pendente con todos os que perderon a vida naquel conflito fratricida, dun e outro bando, e cos que, ao acabar como perdedores, tiveron que sufrir a represión, o exilio ou a submisión durante catro duras décadas. Os únicos homenaxeados durante anos foron os caídos nas filas gañadoras, e por iso, malia que a algúns lles soe antediluviano e outros falten ao respecto dicindo que «algo farían», unha declaración institucional para non esquecer a todos aqueles lugueses represaliados por parte dunha entidade que moitos tamén ven anacrónica como é a Deputación ben podería ser ese acto de xustiza que pedía Ramos. E non facelo só nos convertería nuns desmemoriados.
Tags: Deputación, franquismo, homenaxe, vítimas