Debate a fondo
O fin da crise debe de estar preto. E non é porque o atisbe Villar Mir, o anuncie De Guindos e o ratifique Rajoy, senón porque o debate político a nivel local fai albiscar a liquidación da desaceleración económica. Unha demostración de que a prima de risco e o índice Nasdaq son temas amortizados é que a polémica que manda truco agora nunha capital de provincia como Lugo é a actualización do rueiro para retirar nomes franquistas.
A controversia vira ao redor de se a aplicación da Lei da Memoria Histórica debe ser levada ata o extremo de suprimir do nomenclátor urbán a todo cargo público ou colaborador do réxime que durante corenta anos dominou España, ata a aqueles que naceron ou residiron na cidade, unha decisión que se topa cun duro obstáculo, a negativa dos descendentes a ver aos seus antepasados denigrados.
E mentres políticos e familiares discuten sobre como administrar a lei que nos deixou Zapatero, o cidadán de pé, que foi o que realmente sufriu silente aquela ditadura e a que hoxe impón os mercados, segue á espera de solucións a problemas como a falta de crédito, o peche de empresas, o aumento do paro ou a eliminación de prestacións sociais.
Pensándoo ben, se cadra o mellor que nos pode pasar é ver aos nosos políticos entretidos na temática trivial, non vaia ser que se lles ocorra tomar decisións.
Tags: franquismo, Memoria Histórica, rueiro, Xoán C. Vidal