Un bo día para Lugo
A conselleira de Política Territorial definía a xornada do 8 de febreiro como “un bo día para Lugo”, xa que o seu departamento, xunto cos de Vivenda e Cultura e o Concello de Lugo, asinaban un acordo polo que se impulsaban dúas infraestruturas culturais que durante os últimos anos deron ben que falar como son o futuro auditorio e o centro da romanización. O novo convenio acaba por finiquitar o premiado deseño para San Fernando do arquitecto lugués Marcos Parga, e que agora irá directamente ao lixo posto que o antiguo cuartel vai acoller un museo no que mostrar a pegada romana na cidade, mentres que para o edificio do solar de Magoi haberá que convocar un novo concurso de ideas. Para as dúas obras fálase dun investimento de 40 millóns de euros, 14 dos cales xa estaban presupostados para o auditorio, polo que tendo en conta que desde o Concello tamén se está a promover a creación na antiga Frigsa do Museo Interactivo da Historia de Lugo, pode darse o caso de que a cidade pase de ser un hermo de espacios culturais a convertirse na envexa doutras capitais de provincia.
Claro que tampouco convén comezar a tirar foguetes, porque á volta da esquina pode que algún atranco se presente neste xa gafado proxecto de auditorio, no que as administracións amosaron a súa faciana máis torpe. E seguramente o infortunio que arrastra esta infraestrutura foi o causante de que a esta escenificación do acordo entre tres consellerías da Xunta e o Concello de Lugo faltase un dos protagonistas, o alcalde socialista José López Orozco, quen anunciou a primeira hora da mañá a súa asistencia ao acto, para logo xustificar con un “imprevisto” a ausencia na foto da ratificación dun dos acordos máis importantes do seu mandato.
Os máis mal pensados, entre os que por suposto nos atopamos os xornalistas, intuimos que as desavenencias que nos últimos meses amosaron o alcalde e as conselleiras nacionalistas non dan cicatrizado. Claro que ésta é só unha conxetura, pero coñecendo aos protagonistas semella moi crible. O que si é certo é que aos lugueses pouco lles preocupan as formas coas que os seus políticos negocien; o que queren son feitos, e neste asunto do auditorio o único que teñen polo de agora son anuncios, proxectos, convenios, máis anuncios, máis convenios…, pero nin unha soa obra acabada. Neste caso, a vantaxe para os chamados gobernos progresistas que están a renunciar a facer inauguracións nos periodos electorais e que, logo de tantos anos, aquí non hai nen un mal galpón que inaugurar.