Patrimonio

A Unesco acaba de conceder outra ristra de diplomas ao que denomina como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, unha especie de catálogo costumista que logo é usado polos beneficiados cun fin turístico ou puramente autoidentificador e localista. Porque ademais do flamenco ou a ópera de Pequín, que en verdade son un botón de mostra da riqueza cultural mundial, incluíuse a dieta mediterránea, a gastronomía francesa ou mexicana, a cetrería, a acupuntura chinesa ou a confección de alfombras iranianas, un café para todos que non acaba de dixerirse pola estraña composición.
E tampouco se trata de desacreditar á Unesco, que fai agora dez anos concedeu a Lugo o título de Patrimonio Mundial á súa muralla romana e hai pouco fixo o propio coa Torre de Hércules da Coruña, pero o que ocorre é que cando a lista de medallistas faise tan extensa o premio acaba devaluado e o mérito disperso.
Por iso se cadra sería lóxico que o próximo ano España propuxese ao organismo internacional que sume á súa lista algo tan propio e arraigado como a sesta, as cañitas dos venres, o puro no fútbol, os cánticos nas tabernas ou a cola do paro e poida que ata cheguemos a liderar o ránking, porque en cuestións inmateriais ninguén nos tose.

Tags: , ,

Comments are closed.